Galiza volve superar os 2,7 millóns de habitantes após sumar 6.000 persoas nun ano

Xente paseando polas rúas do casco histórico de Santiago. (Foto: Arxina)
Desde xaneiro, o país contabilizou un incremento dunhas 1.700 persoas.

A poboación galega volveu superar os 2,7 millóns de persoas no segundo trimestre do presente ano, o que se traduce nunha lixeira suba de 0,09% a respecto dos tres meses anteriores, segundo os datos que vén de publicar o INE. Galiza, con todo, fica por baixo do incremento medio no Estado español, onde a poboación subiu por volta de 0,28% entre abril e xuño, até os 48,34 millóns de persoas.

No último ano, Galiza gañou máis de 6.000 persoas e, no último trimestre, máis de 2.400 habitantes. Desde xaneiro, o país contabilizou un incremento dunhas 1.700 persoas, debido a que no primeiro trimestre a poboación caera e no segundo volveu recuperarse.

Por sexos, máis da metade (51,9%) da poboación galega son mulleres, mentres que os homes representan o outro 48,1%, con estes datos a 1 de xullo de 2023.

Datos estatais

A nivel estatal, a poboación aumentou en 135.186 persoas no segundo trimestre, situándose en 48.345.223 habitantes a 1 de xullo de 2023, sendo o valor máximo da serie histórica. En termos anuais, o crecemento poboacional estimado é de 537.611 persoas.

Atendendo á información do INE, este crecemento poboacional do Estado español debeuse, case na súa totalidade, ao incremento de persoas nadas no estranxeiro, que foi de 8.457.886 persoas, maior que a de nacionalidade estranxeira.

O número de estranxeiros aumentou no país en 100.394 persoas durante o segundo trimestre, até un total de 6.335.419 a 1 de xullo de 2023. Pola súa parte, a poboación de nacionalidade española aumentou en 34.792 persoas.