ANUARIO DO MINISTERIO DE INTERIOR

Galiza: 239 mobilizacións prohibidas en doce meses

No noso país houbo un total de 4.674 manifestacións comunicadas ás autoridades durante 2013. Destas,  e segunndo dados de Interior, 239 foron prohibidas. 

 

Na Galiza houbo en 2013 un total de 4.675 mobilizacións notificadas ás autoridades, unha cifra que sitúa o noso país como o segundo territorio de todo o Estado español con maior número de manifestacións, só superado por Andalucía. Así se recolle no anuario do Ministerio de Interior español, no que se especifica que 239 desas manifestacións foron, di textualmente, “prohibidas” polas autoridades, o que non quer dicir, engaden, que non se puidesen realizar. No conxunto do Estado español o número de manifestacións prohibidas foi nese ano de 1.682. Só Andalucía e Nafarroa superan a Galiza nesta categoría.

Desas máis de 4.500 manifestacións, case 2.000 responden ao que Interior cualifica de 'temática laboral', 860 a protestas "contra medidas políticas e lexislativas" e hai 50 que enmarca como "de temática nacionalista"

No documento do departamento que dirixe Fernández Díaz documentan que a motivación principal das manifestacións convocadas en Galiza neses doce meses foi a temática laboral (1.989 mobilizacións), seguida das que tiñan como obxectivo protestar “contra medidas políticas e lexislativas” (860).

Interior engloba medio cento de mobilizacións decorridas no noso país sob o argumento de “temática nacionalista”. Baixo este epígrafe de ‘temática nacionalista’, Interior ten rexistradas 140 mobilizacións en Euskal Herria (127 en País Vasco e 13 en Nafarroa) e 16 en Canarias. De Catalunya non se ofrecen dados.

Pontevedra encabeza a listaxe galega de manifestacións comunicadas (1.595 de 4.674) e tamén a de mobilizacións prohibidas (228 de 239).

Incremento

En comparación coas mobilizacións e protestos rexistrados en anos anteriores, o 2013 foi en Galiza dun aumento moi importante. En 2012 no noso país rexistráronse 2.213 mobilizacións, mentres que en 2011 esa cifra era de menos de 1.500 (das cales, 74 figuran como 'prohibidas').