Galiza: 2 habitantes menos cada hora no país das 1.500 aldeas abandonadas

Esta aldeíña de 3 casas co seu terreo véndese por 228.000 euros

A urxencia da crise económica relega o que é o gran problema que ameaza ao país a longo prazo: Ficar sen ninguén que o habite. Nun só ano Galiza perdeu 15.500 habitantes. Hai 1.408 aldeas abandonadas e 2.000 a piques de estalo. Aliás, nestas dúas décadas marcharon do país 360.000 persoas.

Galiza perdeu 15.558 habitantes nun só ano. Emigración (máis de 365.000 galeg@s marcharon do país nas dúas últimas décadas) e baixa natalidade (8 nacementos por cada 1.000 habitantes, a segunda taxa máis baixa de todo o Estado español) son dous dos factores responsábeis da sangría demográfica do país. Cada hora que pasa, Galiza ten dous habitantes menos. Un camiño que, de non variar, ten un final, chegue este tarde ou cedo, nada tranquilizador.

Galiza ten dous habitantes menos cada hora. E a emigración aumenta e a taxa de natalidade redúcese

Mais Galiza é tamén o país onde hai 300.000 vivendas baleiras. Un total de 299.396 , exactamente, segundo o último censo oficial, correspondente ao exercicio 2011. Unha cifra que representa o 18,6% do total das existentes no noso país e que son 1.606.001. É a porcentaxe máis alta de todo o Estado español.

Cada vez, logo, menos poboación. E esta, cada vez, máis envellecida. Os dados do Instituto Galego de Estaística (IGE) apontan que o 20,8% dos fogares galegos están compostos por persoas de 65 ou máis anos.

Un de cada cinco fogares galegos está integrado por persoas de máis de 65 anos

“Non hai ninguén”

Coma no verso de Ferrín, aos poucos, en grandes partes de Galiza “non hai ninguén para escoitar”. A despoboación do rural deixa cifras de arrepío. Unha delas, a de aldeas abandonadas no noso país. Eran 1.408 en 2012, último censo do INE. E había 2.050 ao borde de desaparecer pois tiñan só 1 ou 2 habitantes.

A venda de aldeas galegas abandonadas xa é un negocio que vai a máis. Só en 2012 eran máis de 20 este tipo de núcleos que tiñan o cartel de ‘véndese’

Fronte o que se poida pensar, as aldeas abandonadas non son un fenómeno restrinxido ás provincias ‘interiores’ (Ourense e Lugo). Na da Coruña hai 540 núcleos deshabitados e na de Pontevedra 135.

Cifras que evidencian a desertización que está a sofrer unha parte importante do territorio nacional. E que, tamén, dan lugar a negocio, como a de venda de aldeas galegas abandonadas. Toda unha metáfora do que está a pasar con Galiza.

'Galicia soa': Intentar comprender para actuar

Galicia soa é un libro dixital sobre o despoboamento do rural, que recolle as vivencias reais dos seus protagonistas e a opinión de expertos e estudosos sobre o tema, nun entorno multimedia que mestura texto con imaxe e audio.

O libro está realizado por un equipo formado polos xornalistas José Antonio Pardiñas García, Benjamín A. López Rodríguez e Susana Pardiñas Iglesias, e recolle reportaxes de zonas rurais de diferentes comarcas do apís, así como entrevistas a Xosé Luis Barreiro Rivas, Xaquín Fernández Leiceaga, Andrés Precedo Ledo e Xosé Gabriel Vázquez.