A Galiza rexistra 114 casos de varíola dos macacos e xa vacinou 70 persoas

Erupción da varíola dos macacos. (Foto: Europa Press)
No que vai de ano detectáronse en todo o mundo un total de 52.997 casos e 18 mortes.

A Galiza detectou até o momento 114 casos de varíola dos macacos e ten xa inmunizadas contra esta doenza 70 persoas, segundo vén de confirmar a Consellaría de Sanidade, que está "á espera de recibir estes días un novo envío de vacinas por parte do Ministerio".

No conxunto do Estado español notificáronse 6.749 casos desta variante da varíola, 206 máis que os notificados hai unha semana, segundo o último informe publicado polo Ministerio de Sanidade, que mostra que 2.366 casos foron notificados na Comunidade de Madrid, por volta doutros 2.018 en Catalunya.

No resto de Europa rexistráronse un total de 15.880 casos confirmados, sendo Francia (3.646), Alemaña (3.501), Reino Unido (3.279), Países Baixos (1.166) e Portugal (871) os máis afectados alén do Estado español.

A maioría son homes novos con antecedentes de relacións en contextos sexuais de risco, segundo a información notificada polas autoridades sanitarias dos países afectados.

Con base no último informe publicado esta terza feira pola Organización Mundial da Saúde (OMS), desde o 1 de xaneiro e até o 5 de setembro notificáronse 52.997 casos de varíola dos macacos en todo o mundo e 18 mortes, dúas delas no Estado español.

Con todo, o organismo informou de que o número de casos novos notificados semanalmente a nivel mundial diminuíu en 25,5% na semana 35 do ano —do 29 de agosto ao 4 de setembro—, en comparación coa semana anterior.