Galipedia bloqueada en protesto pola directiva sobre os dereitos de autor do Parlamento Europeo

A comunidade da Galipedia decidiu bloquear esta cuarta feira o acceso a todas as súas páxinas para rexeitar a proposta de directiva sobre os dereitos de autor que o Parlamento Europeo vai votar este 5 de xullo. Unha medida de bloqueo que fai parte da que realiza Wikipedia a nivel xeral.
 

Esta directiva, indica,  ameaza a liberdade en liña e impón novos filtros e barreiras para acceder á Web, no canto de actualizar os dereitos de autor e facilitar a participación dos seus cidadáns na sociedade da información.
 

Afirma esta comunidade que persoeiros, científicos, empresas e organizacións non gobernamentais amosaron o seu rexeitamento a esta proposta e pediron aos membros do Parlamento Europeo que voten en contra desta directiva para comezar de novo o debate sobre o seu contido e considerar as propostas de mellora que hai para ela.