A Galiza rexistra 5.557 mortes máis que nacementos no primeiro trimestre

Unha nai pasea co seu bebé nun carriño. (Foto: Europa Press)
Máis unha mala noticia para a demografía. O Instituto Galego de Estatística (IGE) informa esta sexta feira que os nacementos caeron un 12,21% no primeiro trimestre do ano na Galiza.

Os nacementos descenderon un 12,21% no primeiro trimestre do ano na Galiza, até 3.380, segundo os datos que publica esta sexta feira o Instituto Galego de Estatística (IGE).

É unha diminución catro veces superior á que rexistraron as defuncións na Galiza, que, con 8.937 mortes, anótanse unha baixada do 3,07%.

Desta maneira, o saldo vexetativo (nacementos menos defuncións) é negativo en 5.557 persoas no primeiro trimestre deste ano 2021.

Os matrimonios incrementáronse un 11,58%, até 1.108

Pola súa banda, os matrimonios incrementáronse un 11,58%, até 1.108, deles 24 entre persoas do mesmo sexo, de acordo con esta estatística.

En canto ao sexo, naceron 1.728 homes e 1.652 mulleres, mentres que as mortes correspondéronse con 4.591 homes e 4.346 mulleres.

2020, o peor saldo vexetativo

Por outra banda, a Galiza tivo un saldo vexetativo negativo en 2020 de 17.561 mortes máis que nacementos, a peor cifra desde que hai rexistros (1975), segundo os datos que publicou en xullo o IGE.

Esta situación explícase polo incremento dun 5% nos falecementos nun ano marcado pola pandemia. En total, contabilizáronse 32.822 mortes, tamén o peor dato histórico.