Galiza principia a última semana de setembro con 33 novos contaxios de Covid-19 e 1.207 casos activos

Menores acompañadas polas nais e pais agardan a quenda de vacinación na Cidade da Cultura nunha imaxe de arquivo. (Foto: César Arxina / Europa Press) #vacinación #coronavirus #crianzas #menores #vacina #covid19 #compostela #cidadedacultura
Os hospitalizados mantéñense en 58 e a taxa de positividade segue nun 1%.

Galiza arrinca a última semana do mes de setembro con 33 novos contaxios de Covid-19 e os casos activos en descenso, até situarse nos 1.207, mentres que os hospitalizados mantéñense en 58 e a taxa de positividade segue en 1%.

Segundo os datos actualizados pola Consellaría de Sanidade esta segunda feria, con rexistros até as 1800 horas do domingo, permanecen 17 persoas ingresadas en Unidades de coidados intensivos e seguen 41 noutras unidades de hospitalización, mentres que 1.149 pacientes atópanse en seguimento domiciliario.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria mantense sen cambios en cinco das sete; mentres que sobe lixeiramente na da Coruña e Cee, onde seguen cinco pacientes en UCI, pero aumentan a 15 os ingresados noutras unidades -un máis-.

E na de Santiago e Barbanza aínda que continúan dúas persoas ingresadas en UCI pola Covid-19, descenden a oito as hospitalizadas noutras unidades -unha menos-.

Os casos activos seguen en descenso e sitúanse en 1.207, o que implica 103 menos que os da xornada anterior, ao haber máis altas (136) que contaxios (33), e non sumarse novas vítimas mortais.

Hai meses que Galiza non contabiliza unha cifra tan baixa de casos, xa que no inicio do verán, o 20 de xuño, rexistrou 1.289 o día 20, xusto antes da época estival.

As infeccións activas baixaron nas sete áreas sanitarias galegas, coa da Coruña e Cee á cabeza (-35); seguida da de Santiago e Barbanza (-21); Vigo (-19); Lugo (-15); Pontevedra e O Salnés (-10); Ferrol (-2) e Ourense (-1).

Galiza comeza esta semana con 33 novos contaxios de Covid-19, o que supón dous máis que os 31 rexistrados este domingo, polo que seguen por baixo do medio centenar, após os 58 do sábado.

Destes novos casos, confirmados con probas diagnósticas nas últimas 24 horas, oito corresponden á área de Ourense; outro oito, á de Lugo; seis, á da Coruña e Cee; cinco, á de Vigo; tres, á de Santiago e Barbanza; e outro tres, á de Pontevedra e O Salnés, mentres que na de Ferrol non se detectou ningún.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta crise sanitaria mantéñense en 2.629 ao non ser notificada ningunha nova vítima rexistrada esta fin de semana.