Galiza baixa dos 200 novos contaxios nun día con lixeiro descenso en hospitalizados e casos activos

Veciñanza de Abegondo asiste ao cribado realizado en no municipio [Europa Press].

A taxa de positividade marcou un dos mínimos desde o verán nunha xornada con máis de 9.000 probas PCR practicadas. 

Os datos da pandemia na Galiza este sábado mantéñense nos valores rexistrados na última semana, con lixeiros descensos tanto no número de novos contaxios detectados (191), como no total de persoas hospitalizadas (210, catro menos) e no global de casos activos (3.099, 14 menos); aínda que a nota negativa é que hai un paciente máis que na xornada anterior na UCI (50) e o número de vítimas mortais alcanza as 2.390.

Así se desprende da actualización dos parámetros da crise sanitaria publicados na páxina web do Sergas na mañá deste sábado con datos solicitados até as 18 horas da sexta feira, momento no que o total de hospitalizados con Covid-19 ascendía a 210 (-4), repartidos entre as UCI -50, máis un- e as unidades convencionais -160, menos cinco--.

Por áreas sanitaraias, A Coruña-Cee continúa como o distrito con máis hospitalizados con 67 (-2) e soben a 13 os ingresados en UCI (+1) mentres baixan a 54 os que de unidades convencionais (-3). Séguelle Vigo, con 41 (-1), repartidos en 12 en UCI (+1) e 29 noutras unidades (sen cambios).

Tras os distritos das dúas grandes cidades está Ourense, cun total de 26 (-3), dos cales 10 atópanse en UCI (-1) e 16 noutras unidades (-2); seguida por Pontevedra-O Salnés cun total de 25 (+2) -20 en planta (+1) e cinco en críticos (+1)- e Santiago-O Barbanza, que suma 23 ingresados, 4 en críticos e 19 en planta.

Por último, as áreas con menos ingresados continúan sendo a de Lugo, que mantén a 19 pacientes con covid hospitalizados -15 en planta e catro en UCI, sen cambios en ambos- e Ferrol, onde baixan a nove, dous deles en críticos e os sete restantes noutras unidades.

Menos casos activos 

En canto aos casos activos, Galiza mantén a baixada do número total experimentada na sexta feira tras varias xornadas de ascenso paulatino. Así, este sábado son 14 menos os casos activos na comunidade, que se sitúan en 3.099.

Por áreas sanitarias, experimentan lixeiros repuntes as de Vigo (+6), Ferrol (+5), Lugo (+3) e Pontevedra (+3), mentres baixan en Santiago (-4), Ourense (-4) e, de forma máis pronunciada, na Coruña (-23).

A de Vigo mantense á cabeza con 939; seguida da área da Coruña e Cee, con 721; Pontevedra e O Salnés, con 477; Santiago e O Barbanza, con 355; Ourense, con 267; Lugo, con 239; e á cola continúa Ferrol, con 102.

Menos de 200 contaxios 

Pola súa banda, os novos contaxios detectados con calquera tipo de proba situáronse por baixo dos 200 tras dous días por enriba dese valor. Dos 191 contaxios diagnosticados, 172 foron por positivo en PCR nunha xornada na que se realizaron 9.047 tests deste tipo (500 máis que o día anterior e 2.057.366 no que vai de pandemia).

A área que máis novos contaxios achegou nas últimas horas foi da Vigo con 41 novos casos, seguida pola Coruña con 33, Pontevedra con 30, Santiago con 23 e Ourense con 19. En Lugo foron 18 os novos casos detectados e en Ferrol, 11.

Todo iso nunha xornada cunha das taxas de positividade en probas PCR máis baixas desde finais do mes de xullo. O 1,1% (dato provisional) de positivos nos máis de 9.000 tests PCR practicados mantén Galiza moi por baixo do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia, un baremo que a Comunidade galega non supera desde medidados de febreiro.

Así, os contaxiados no conxunto da Galiza desde o inicio da crise sanitaria ascenden a 122.340, dos cales 29.577 corresponden á área da Coruña e Cee; 23.694, á de Vigo; 19.196, á de Santiago e O Barbanza; 15.347, á de Ourense; 13.620, á de Pontevedra e O Salnés; 12.469, á de Lugo; e 8.437 á de Ferrol.

Falecidos e curados 

Desde o inicio da pandemia faleceron 2.390 persoas diagnosticadas de Covid-19 na Galiza despois de notificar a Consellaría de Sanidade este venres dous novos óbitos.

En concreto, as mortes corresponden a muller de 76 anos que se atopaba hospitalizada no CHUAC da Coruña e a un home de 93 anos ingresado no Álvaro Cunqueiro, en Vigo.

Pola súa banda, 116.874 pacientes curáronse da Covid-19 no conxunto da Galiza desde o inicio da pandemia, que representan 203 persoas máis que as rexistradas ata a xornada anterior.