Os galegos que humillaron os viquingos

[Imaxe: Adolfo Mosquera]

Jakobsland, como lle chamaban á Terra de Santiago, foi unha tentación demasiado grande como para resistirse para un dos pobos máis sanguinarios da historia. A fama dun lugar ateigado de riquezas ao que peregrinaban fieis de todo o mundo cristián levounos a tratar de replicar a súa exitosa experiencia en Francia, Islandia ou nas illas británicas, onde conquistaron zonas enteiras e fundaron asentamentos sen apenas resistencia. Non contaban con dar cun pobo bravo que lles plantou cara e impediu que fixesen o mesmo.

O Torres de Oeste e o Frederikssund volverán este domingo tentar conquistar as terras arousás. Chegarán pola mañá a Catoira cheos de violentos viquingos ansiosos por novas conquistas no lugar onde remata a terra. Pero volverán perder, como ocorreu varias veces na historia, e a xenreira e a agresividade darán paso a unha celebración de confraternización que xa ostenta o título de Festa de Interese Turístico Internacional.

Aquilo que os membros do Ateneo Ullán imaxinaron no ano 1960, cando se celebrou por primeira vez unha teatralización do desembarco, xa é unha das citas máis consolidadas do verán galego e que atrae até a vila de Catoira milleiros de persoas. Así, a chegada das naves nórdicas, prevista para a unha da tarde, estará seguida dunha dramatización da resistencia dos galegos en terra, na que participan douscentos veciños, e cun mercado ambientado na época, folclore, degustación de marisco e viño e verbenas e xogos populares. Porque na entrada da ría de Arousa os viquingos, máis que sinónimo de medo, son xa membros de pleno dereito da festa con máis ADN galaico.

O historiador Xoán Pacios asegura que os ataques non triunfaron porque “aquí había un reino forte, unido, que lles fixo fronte”

Desmontando os mitos: nin cornos nin rabo

O imaxinario colectivo visualiza os viquingos como monstros louros e musculosos sedentos de sangue e riquezas e, como todos os mitos, ten algo de verdade, pero non era de todo así. Por exemplo, a súa tradicional representación coa cabeza ben protexida por intimidantes cascos de guerra con dous cornos é historicamente falsa. A realidade é que está comprobado grazas ás escavacións arqueolóxicas que os seus helmos non levaban cornos, trátase tan só dun construto para demonizalos. Un de tantos.

Os principais responsábeis desa imaxe son as crónicas redactadas por cregos e relixiosos, que pese a ser a principal fonte para reconstruír a presenza viquinga na Galiza, caían no sobrenatural ou na falta de rigor cos feitos debido á carraxe que lles producía a falta de respecto que tiñan con igrexas, mosteiros ou conventos eses “bárbaros” pagáns.

Tamén coñecidos como normandos, ascomanni –alemáns–, lochlainach –habitantes do País dos Lagos–, ou incluso coa terminoloxía árabe madjus –infieis–, o seu interese na Galiza vén demostrar que, lonxe do illamento e da marxinalidade da que fala a historiografía tradicional española, a galega era unha zona avanzada e próspera, ben comunicada por vía marítima coas rutas comerciais que percorrían a Europa atlántica, mediterránea e África.

Porén, e ao contrario do que sucedeu nas illas británicas ou en territorio francés, estudosos como o doutor José Sánchez Pardo apuntan que na Galiza os viquingos non conseguiron estabelecerse ou acadar relevancia político-militar, debido fundamentalmente á gran resistencia que atoparon entre a poboación. Aínda así, entre os séculos IX e XI Galiza foi a área peninsular que máis sufriu a furia viquinga na súa procura de botín e resgates.

A primeira incursión

A primeira incursión documentada foi na antiga Brigantium (A Coruña) no verán do ano 844. A Crónica Rotense reflicte unha gran batalla “ao pé do Faro”, onde un exército congregado por Ramiro I conseguiu repeler o ataque daquelas “xentes descoñecidas, máis feroces que os mouros, pagáns e moi crueis”, conseguindo queimar “máis de 60” dos seus barcos. Non existen demasiados dados concretos sobre a cantidade exacta de atacantes ou dos seus nomes, pero Vicente Risco e Murguía dixeron que os seus líderes poderían ser os famosos Hastein e o seu irmán Björn Brazo de Ferro.

O nome do municipio de Chantada pode ter a súa base na reconstrución da vila despois dunha batalla contra os invasores

Durante a súa fuxida remontaron o Ulla, e logo conseguiron avanzar polo interior até a zona de Chantada. Fuxiron após perder outro enfrontamento cos homes de Ramiro I, non sen antes saquear e destruír ao seu paso todo o que puideron. Daquela vitoria procede non só a toponimia da parroquia de Camporramiro, senón que o historiador Eduardo Morales Romero sinala que mesmo o propio nome de Chantada procede daqueles enfrontamentos cos viquingos, xa que a vila tería que ser plantada –reconstruída– de novo polos seus habitantes, plantando, asemade, grandes estacas, rodeándoa a modo de fortaleza.

Pouco máis dunha década despois, no ano 858, os escandinavos volverían á carga penetrando pola ría de Arousa cunha flota de máis de 100 naves e conseguindo sitiar Compostela tras arrasar localidades como Iria Flavia, o porto no que desembarcaron. Lograron cobrar un tributo a cambio de levantar o asedio, pero non cumpriron a súa parte do trato e tivo que ser un exército ao mando do conde Pedro Theon quen liberara a cidade.

A maior ameaza

Non obstante, e pese a ataques puntuais posteriores, a maior ameaza viquinga que sufriu Galiza tivo lugar xa no 968, cando o caudillo Gunderedo –alcumado o rei do mar– e os seus homes a invadiron durante tres anos, chegando mesmo até O Courel. A diferenza fundamental coas razzias anteriores era que esta vez a idea non era roubar todo o posíbel e logo aplicar a política de terra queimada, senón estabelecer unha base definitiva, como tiñan por exemplo na Normandía.

Alí, os peregrinos falaban dunha afastada cidade case na fin do mundo que estaba chea de riquezas: Jakobsland, a Terra de Santiago. Como apunta a Sermos Galiza o historiador Xoán Pacios, “a tentación deses tesouros atraía”, o que xunto con certas tensións internas que padecían alí e os obxectivos estratéxicos anteriormente mencionados leváronos a formar un exército que, ao mando de Gunderedo, parecía imparábel… Até que unha armada comandada polo conde Gonzalo Sánchez atacou as hostes de Gunderedo perto de Ferrol, logrando darlle morte, destruír a meirande parte da súa flota e liberar os prisioneiros que permanecían con vida. O que non se puido recuperar foi a enorme cantidade de casas, pazos, igrexas e mosteiros que quedaron totalmente destruídos.

A razón principal de por que non conseguiron asentarse na Galiza, a diferenza doutros territorios como Inglaterra, foi, segundo Pacios, que “aquí había un reino forte, unido, que lles fixo fronte, namentres que alí tiñan pequenos reinos ante os que xogaban a baza de apoiar un ou outro candidato ao trono, no que basicamente foi o seu xeito de operar até a batalla de Hastings”.

Ulf “O Galego”

Jakobsland non deixaría de ser unha obsesión para moitos viquingos ao longo das décadas seguintes até ben entrado o século XI. Un deles fíxose popular en 2017 porque a prestixiosa revista National Geographic fixo pública unha investigación do arqueólogo danés Bjarne Henning Nielsen, quen afirmara atopar na Galiza a tumba de Ulf O Galego, un xefe viquingo nado ao redor do ano 1000.

En realidade, o termo correcto sería re-atopar, xa que o enterramento xa fora escavado –e logo cuberto de novo– a comezos dos 50 nunhas obras mentres se construía unha estrada paralela ao xacemento, descubrindo obxectos como unha espada ou xoias de prata. Agora, o conservador do Museo Vesthimmerlands non só realizou outros achados que o levaron a definir Ulf como unha persoa moi importante na sociedade viquinga da época, senón que tamén localizou 24 tumbas máis, entre elas as dun guerreiro e cinco mulleres adiñeiradas.

“O guerreiro foi enterrado nunha estrutura funeraria de madeira xunto coa súa espada, os seus estribos e algúns ósos procedentes das patas dianteiras dun leitón. Na base da tumba tamén se descubriu unha peza da espada, duns dez centímetros de longo, o que significa que a arma era máis longa do que se cría”, comenta Nielsen. “Esa estrutura de madeira máis unha inscrición parcial na espada indican unha data algo posterior ao ano 1000″, conclúe.

De todas as maneiras, a pista de Ulf aínda está sendo investigada, igual que as doutros hipotéticos restos viquingos na Galiza, como os de Os Moutillós, no Concello do Vicedo, onde se están a desenvolver escavacións arqueolóxicas para determinar se realmente se trata dun poboado normando, algo que, segundo Xoán Pacios, “a falta de que os datos arqueolóxicos ofrezan conclusións” parece “perfectamente posíbel”.

[A reportaxe publícase no número 357 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]