A 'galegofobia' vén de veraneo a Galiza

A galegofobia en determinados círculos vai camiño de ser un clásico do verán galego. A chegada do turismo español a Galiza adoita vir acompañado de ataques aos sinais de identidade do país por parte dalgúns deles, que aproveitan as redes sociais para atacar mesmo establecementos que usan o galego.

As redes sociais son un bo termómetro da agresividade dun sector do turismo español contra o galego. A este respecto, destacan os comentarios difundidos en Twitter e Facebook por cidadáns, moi particularmente de orixe madrileño, de visita na Galiza, que critican o emprego do idioma propio do país nos sinais, nos edificios públicos ou nos establecementos comerciais. Neste sentido, resultou significativa a resposta de Diego Pazos, que acadou máis de 1.500 rechouchíos en Twitter e rematou por converterse en tredindg topic o pasado 20 xullo.

“Non vos gustan os carteis galegos na Galiza?. Non veñades”, espetou Pazos, nun comentario seguido por outros moitos na mesma liña. As mensaxes de conformidade co chío de Pazos chegaron de diversos puntos do Estado, nomeadamente dos Països Cataláns, onde algúns xornais deron conta da polémica aberta na Galiza e do alcance do problema. Sen ir máis lonxe, El Nacional non dubidou en cualificar a opinión de Pazos “como un consello de grande utilidade” e “un xeito moi práctico e económico de evitar trastornos: os propios e os alleos”.

‘Querido mesetarián’

A presión 'galegófoba' notárona, tamén, nestes días criadoras de contidos, como a influencer galega, Fatima Barros. Precisamente, Barros respondeu nas súas redes sociais a aqueles que desde fóra da Galiza a criticaran por non empregar o español e a convidaran a abandonar o galego como lingua de expresión. “Querido mesetarián nas miñas redes voume expresar como me dea a gaña”, aseverou Barros, quen lembrou que “paso por aquí porque vexo unha tendencia dos mesetarios a pedir aos criadores de contido que somos doutras comunidades autónomas, que cambiemos da nosa lingua ao español para que se sentan máis cómodos”.

“E eu desde aquí digo: querido mesetario, non tes dereito a pedirme que cambie a miña forma de expresarme. Se te interesa o contido, perfecto. É moi fácil entenderme. E se non te interesa, pois non pasa nada. Pero nas miñas redes exprésome como a min me dá a gana. No idioma que a min me dá a gana”, concluíu Barros, nunha mensaxe que resultou viral nas diversas plataformas onde publica as súas creacións. Na mesma liña que o chío de Pazos a mensaxe de Barros traspasou fronteiras, sendo partillado e aplaudido desde Catalunya, Euskadi, Francia ou Portugal.

A extensión de mensaxes galegófobas está directamente ligado ao auxe das redes sociais e ao avance das posicións ultras e chauvinistas na España cultural, cada día máis agresiva contra as outras identidades nacionais existentes no Estado. Nesta liña, non é casual que un dos criadores dun bulo nas redes sociais contra a suposta discriminación na Galiza dos turistas españois sexa Marcial Cuquerella. Antigo director xeral do grupo Intereconomía, propietario dun grupo de comunicación ligado a Vox e persoa de confianza de Santiago Abascal afirmou en Twitter o 23 de xullo que se negaron a reservarlle mesa nun restaurante de Ferrol por non ter acento galego.

'Unha doenza crónica’

A galegofobia fai parte do proxecto español máis ultra. Neste sentido, o profesor Alexandre Péres Vigo, autor dunha tese de doutoramento sobre o tema, que ten merecido a máxima cualificación da Universidade da Coruña, sinala a Nós Diario que “a galegofobia como unha doenza crónica, non só aflora cada certo tempo, senón que leva presente décadas e séculos no pensamento colectivo español. Transmitido xeración tras xeración e perpetuado na sociedade española a través da literatura, dos mass media e da propia linguaxe coloquial”.

Hoxe, mantén, a pesar da súa atenuación, "e da forzosa continencia que esixe a corrección política, a galegofobia segue a comportar un fenómeno que marca as relacións galego-españolas”, afirma Péres Vigo, quen lamenta que “parece gozar de tal normalidade que apenas ocupa de cando en vez reflexións na prensa galega”. 

A orixe da galegofobia vén de lonxe, sinalando Péres Vigo que “malia que a súa aparición semella unha creación do século XVII, pola súa forte presenza nos traballos literarios dos autores do denominado Século de Ouro español, a súa construción é anterior, asociándose o seu nacemento ao proceso histórico de incorporación subordinada da Galiza ao espazo castelá a mediados do século XIII”.

Péres Vigo apunta ao S.XIII como o momento xerminal da galegofobia, “porén dun xeito aínda incipiente”, que se agudiza tras o fracaso da rebelión galega contra Castela do século XIV e a súa conquista definitiva a finais do século de XV polos Reis Católicos. “Reactívase cos Reis Católicos”, sinala, e lembra que “con anterioridade os galegos eran presentados como rebeldes ou bárbaros”.

"Desprezo relativo a Galiza e as súas xentes"

Péres Vigo define a galegofobia como “o odio e desprezo ao relativo a Galiza e as súas xentes”. Neste liña, é considerada por toda unha corrente de pensamento como parte do discurso de acompañamento da construción da identidade española nos últimos cinco séculos. Noutros contextos e niveis, aspectos desa corrente perviven en determinados sectores a día de hoxe.