Galegas8M defende a acción da noite do 8 de marzo en Ourense

Faixa colgada por Galegas8m Ourense.

Máis de 170 mulleres asinan un comunicado no que se reivindica a acción de protesto contra o concerto da Praza do Correxidor como “consensuada” pola asemblea da plataforma e na que se procuraba denunciar o “lavado de cara” do Concello en materia de igualdade.

A Praza do Correxidor de Ourense acollía na noite (22:30 horas) do 8 de marzo unha serie de concertos "subvencionados" pola Concellería de Cultura de Ourense no marco dunha iniciativa da Concellería de Igualdade. Esa xornada o feminismo galego convocara greve laboral, de consumo, de coidados e estudantil. A asemblea de Galegas 8M Ourense decidiu, "por unanimidade", desenvolver unha acción "para expresar a nosa desconformidade con este tipo de actos nun día de reivindicación como é o Día das Mulleres", explican nun comunicado asinado por máis de 170 persoas


Consideran que este concerto era un "lavado de cara" por parte do goberno local nunha data como o 8M para tapar unha lexislatura con medidas contrarias á igualdade e ás mulleres. "Como xa ten expresado o movemento feminista en Ourense noutras ocasións, o 8 de marzo non pode servirlle a gobernos, contrarios aos intereses das mulleres, para facer un lavado de cara", afirman para citar a seguir algunhas decisións adoptadas polo executivo dirixido polo PP nestes anos na cidade: "Abandonan as mulleres vítimas de violencia machista xa que non queren xestionar a casa de acollida", "suprimen as Aulas de igualdade dirixidas á xente adulta", "suprimen o programa Nexus de prevención de violencia de xénero e recupérano de xeito precario sobrecargando o traballo de quen o desenvolve", "suprimen o programa Agarimos de prevención dirixido principalmente a institutos"... e así até 14 medidas que denunciaron neste 8M.


Galegas8M afirma que ese 8 de marzo entrou na Praza "ás 22.30h con parte da batukada feminista e unha faixa na que se podía ler “O Partido Popular paga concertos e pecha a casa de acollida, desmantela a igualdade, quere derrogar a lei do aborto” para pendurala da varanda da praza. Permanecimos na praza até as 23.25 horas coreando consignas de protesta contra a política de igualdade do Concello de Ourense, por todas e cada unha das prácticas que durante o ano teñen lesionado a política de protección e defensa das mulleres da nosa cidade".

 

En ningún caso, indica, ese acto foi contra o movemento cultural ou o mundo da cultura. "Estamos enormemente sorprendidas ante as acusacións que se verten contra nós por parte dunha integrante dos colectivos contratados para este concerto pois en todo momento deixamos claro que a nosa crítica é contra as políticas do Concello e e en ningún caso contra as artistas e os grupos, moitos deles propostos por nós nalgunhas ocasións para que foran contratadas para actos". 

 

Lamentan e critican "as graves acusacións de agresións e o sinalamento de compañeiras e a publicación dos seus nomes nos medios, coa única intención de mancar", apontan. Por iso demandan a retirada do comunicado no que se sinala a compañeiras "e unha desculpa ante as calumnias que se verteron sobre nós".