As galegas e galegos que pasasen a Covid-19 recibirán unha enquisa sobre secuelas

Recibirase no móbil unha enquisa voluntaria sobre síntomas persistentes e secuelas (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Persoal sanitario e investigador chama a diferenciar as secuelas da Covid-19 persistente e estima que a maior parte dos casos están sen diagnosticar.

As galegas e galegos que pasasen o coronavirus recibirán nos seus móbiles unha enquisa voluntaria sobre síntomas persistentes e secuelas para determinar se é necesario a súa derivación a unha unidade postcovid, que tratarán de forma directa a aquelas persoas que estivesen hospitalizadas.

Así o explicaron distintos expertos durante un seminario web decorrido esta quinta feira, 15 de abril, e que foi inaugurado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para dar a coñecer as unidades postcovid creadas nas sete áreas sanitarias, así como as súas funcións e o modo en que traballarán.

Estas unidades tratarán de forma automática durante 12 semanas -o tempo en que se estima que persisten máis síntomas ou secuelas- aos pacientes Covid que fosen hospitalizados. Con todo, a intención da Consellaría de  Sanidade é que o servizo se estenda a todas as persoas que padeceron a enfermidade e poden presentar secuelas, de modo que reciban unha atención multidisciplinar.

Aínda que o acceso será posíbel desde a Atención Primaria, Sanidade enviará a todas as e os pacientes rexistrados como positivos por Covid-19 unha invitación para realizar a enquisa para determinar se poderían padecer secuelas ou Covid-19 persistente e, no seu caso, derivalos á unidade postcovid de referencia.

Unha ferramenta estandarizada

A doutora Pilar Rodríguez Ledo, médica de Primaria, destacou durante o seminario a importancia de contar cunha enquisa estandarizada de cribado para coñecer o grao de afectación de cada paciente. Esta mesma ferramenta permitirá ter máis información sobre a evolución da enfermidade a longo prazo.

Para iso, deseñouse unha enquisa en base aos síntomas 'maiores' ou máis frecuentes dos pacientes que pasaron a Covid-19 (como dificultade para respirar, cansazo extremo, febre ou  febrícula, mareos ou perda de peso, entre outros) e en base a outros que, ou non son tan frecuentes ou non tan discriminativos, como cefalea, trastornos de ánimo, perda de gusto, síntomas dixestivos ou ansiedade.

Ledo diferenciou entre as persoas que pasaron a Covid-19 e teñen secuelas -sobre todo homes, de idade avanzada e con outras patoloxías- e aquelas que presentan 'Covid-19 persistente', isto é, síntomas da enfermidade mais unha vez negativizan as probas. Neste caso, as máis afectadas son mulleres de mediana idade e sen outras patoloxías.

Con esta situación, a experta advertiu de que non están aínda identificados "a maioría dos pacientes" con Covid-19 persistente, dado que se trata de persoas mozas, sen unha vixilancia tan intensa. "Moitos non saben que é o que teñen, moitos non consultan, outros si, mais ante esta presentación sintomática tan variada, non é doado", apostilou.