Galegas 8M denuncia o “machismo” de policía local de Vigo no 8-M

(@anluma99) · (

Pide ao Concello que investigue a actuación do axente, ao que acusan de usar ton “desafiante e agresivo” coas mulleres que participaban nunha acción autorizada.

Galegas 8M pide ao Concello de Vigo que abra unha investigación sobre o comportamento e actuación dun axente da policía local o pasado domingo, 8-M, Día Internacional da Muller Traballadora, durante unha acción feminista.

Afirma este colectivo que varios axentes das Policía Nacional e Local achegáronse sobre ás 12 horas a Urzaiz, á altura da Farola, para pedir  a mulleres que ían facer unha performance e cortar o tráfico que lles mostrasen a autorización para iso. “Após realizar as conseguintes comprobacións ante a Subdelegación  do Goberno, os axentes da Nacional confirman que o acto realizado foi comunicado correctamente en tempo e forma”.

Porén, e segundo a versión de Galegas 8M, “o axente da policía local, cun ton desafiante e agresivo afirmou que non estabamos autorizadas para ter realizado a performance e comezou a pedir os documentos de identidade manifestando que ía denunciar e multar a algunhas das promotoras e asistentes ao acto por desobediencia”.

“O axente comezou a tomar nota dos DNI de varias mulleres mentres que, en solidariedade coas compañeiras identificadas, outras asistentes amosamos tamén a documentación. Este axente mantivo en todo  momento un talante desafiante e intimidatorio, burlándose das mulleres que intentaban razoar con el e até mostrando satisfacción ante a frustración de todas, incluídas algunhas crianzas que acompañaban ás súas nais e que choraban en resposta ao medo e ameazas coas que intentaba calarnos. Entendemos o acontecido como unha agresión machista que non tiña outras fins que amedrentar ás mulleres que tomamos as rúas nun día histórico e limitar os nosos dereitos”.

Para as feministas, “exerceuse un claro  abuso de poder e un exercicio de arbitrariedade por parte do axente, que dende a súa posición de membro dos Corpos e Forzas de Seguridade intentou intimidar e coaccionar ás alí presentes, sen que ningún outro axente intervise cunha actitude mediadora para poñer fin ao ataque”.

O Concello de Vigo anunciou que abrirá un proceso de información interna para aclarar os motivos polos que axentes da Policía Local identificaron a varias persoas que realizaron unha actuación no marco da manifestación celebrada para conmemorar o 8-M.