Galeg@s piden que Madrid conceda asilo político a un activista saharauí

Concentración solidaria co Sáhara.

Medio cento de persoas reúnense en Santiago para solidarizarse con Hassana Aalia, ao que Marrocos condenou a cadea perpetua por facer parte dunha protesta pacífica. Na concentración estiveron representantes de BNG, AGE e CxG.

 

Decenas de persoas concentráronse este sábado en Compostela convocadas por Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e a Delegación Saharauí para Galiza para esixir ao Goberno central que conceda asilo político ao activista daquel país Hassana Aalia, condenado por un tribunal militar de Rabat a cadea perpetua "con acusacións falsas".

Á mobilización acudiron representantes do BNG -como a deputada estatal Rosana Pérez e a galega Montse Prado ou o portavoz municipal Rubén Cela, que lembrou que Aalia foi condenado “por defender os dereitos humanos”- de Compromiso por Galicia -o seu líder Xoán Bascuas- ou de AGE, como o deputado Xavier Ron, que cualificou a Marrocos de “potencia colonial”.

Hassana Aalia, que mora na actualidade en Euskal Herria, foi condenado en 2013 por un tribunal militar a cadea perpetua por participar no campamento Gdeim Izik, unha acción non-violenta coa que demandaban dereitos humanos e a autodeterminación para o Sáhara. Durante o proceso foron denunciadas en reiteradas ocasións a falta de garantías procesuais.