Ei veciño!, que fas por aquí?: dos 45.772 galegos 'pibes' e os 9 do 'sabāha l-ḫair '

Hai 157.310 persoas nadas en Galiza que viven no estranxeiro, espalladas por máis de medio cento de países. O estado onde residen @s máis del@s é Arxentina (45.772). Mais hain@s en Xordania, Nova Zelanda,... onde quer que se mire.

Hai 157.310 persoas nadas en Galiza e que viven xa non é que sexa alén Padornelo, senón mesmo fóra do Estado español (limites 'oficiais' mandan, mesmo nas estatísticas). Galeg@s espallados por máis de 50 estados distribuídos nos cinco continentes. De América (onde viven 99.620 galeg@s nad@s no país) a Oceanía (970). E dicimos nad@s en Galiza porque se sumamos a estes o número de persoas con nacionalidade 'española' por seren descendentes de galeg@s elevaría a cifra, segundo o censo oficial, a cifra total sería de 463.812. Case o duplo que os habitantes de Vigo ou A Coruña.

Só en Australia viven máis galeg@s que en moitas das parroquias do país

E cal é o país onde hai máis nad@s na Galiza vivindo? Arxentina. Só neste país austral hai 45.772 'pibes' que viñeron ao mundo no noso país. Sería a oitava cidade galega. O segundo país onde están censad@s máis galeg@s é Suíza, con perto de 20.000 (en concrereto, 19.987). En Venezuela hai 16.599 e en Brasil, 12.995. Na Franza, 11.086. Así pois, estes son os cinco estados do mundo con máis galeg@s censad@s: Arxentina, Suíza, Venezuela, Brasil e Franza. O mapa da emigración latinoamericana e europea.

En todos os sitios

Por baixo d@s 10.000 galeg@s censad@s están países coma Uruguai (9.291), Alemaña (8.080) ou Estados Unidos (7.752 persoas), entre outros. Mais pódese xogar a pousar o índice cos ollos pechados sobre un mapamundi. En calquer país que sinalemos, hai galeg@s. China? Pois alí hai 130 nad@s en Galiza. Australia? Pois 967, máis que en moitas parroquias do noso país. Mais sigamos sinalando: Quizás Sudáfrica? Ben, pois alí hai 87 galeg@s. Guinea? 46 'paisanos' a residir nese país. Pousamos agora en Xordania? Pois alí hai 9 persoas nad@s neste curruncho do Atlántico e que saben dicir 'ṣabāha l-ḫair ' (bos días).

E así podemos ir país após país. De Oceanía (970 galeg@s) a Europa (55.535 nad@s en Galiza vivindo en países que non son o Estado español) ou Asia (531), pasando por África (584).