Gadisa dá unha nova vida a 97,85% dos residuos que xera na súa sede central segundo Saica Natur

Instalacións de Gadisa (Foto: Gadisa Retail).
Máis de 7.200 toneladas de papel e cartón fechan de novo o seu círculo nos Supermercados Gadis, transformadas en 42 millóns de caixas reciclábeis, que se utilizan para trasladar mercadoría, así como na repartición dos pedidos a domicilio, indican desde a compañía.

Gadisa retail continúa avanzando na súa estratexia de sustentabilidade, que vira ao redor da circularidade que aplica de forma transversal en toda a cadea de valor. Unha estratexia que volveu recibir neste 2023 o respaldo do selo “De Residuos A Recursos: Zero A Vertedoiro” de Saica Natur. 

Esta certificación, auditada pola compañía de verificación TÜV SÜD, acredita que a empresa dá unha nova vida a 97,85% dos residuos que xera na súa plataforma loxística central de Betanzos.

A xestión responsábel dos residuos, a eficiencia enerxética, a optimización loxística e o impulso á produción sostíbel e de proximidade son os catro piares do modelo de negocio 100% sostíbel da empresa líder de distribución na Galiza, a 1ª do seu sector en obter esta importante certificación.

Máis de 7.200 toneladas de papel e cartón fechan de novo o seu círculo nos Supermercados Gadis, transformadas en 42 millóns de caixas reciclábeis, que se utilizan para trasladar mercadoría, así como na repartición dos pedidos a domicilio. 

Gadisa retail tamén converteu máis de 572 toneladas de polietileno de baixa densidade transparente en preto de 2,6 millóns de m2 de filme estirábel, con posibilidade de novas utilidades, para cumprir o seu propósito de reciclar e reutilizar plástico. E, cos residuos de plástico que non se poden valorizar, conseguiu producir o equivalente ao consumo anual enerxético de 83 fogares. Estas cifras son o resultado do proxecto de xestión orientado ao “Residuo Zero”, que desenvolveu en colaboración con Saica Natur.

Desde a empresa de distribución apuntan que promoven a sustentabilidade desde unha perspectiva triangular: económica, social e ambiental. Unha visión que lles leva a establecer novas metas cada ano para aumentar o impacto positivo que xera na súa contorna.

Un destes propósitos é reducir ao máximo a pegada ambiental derivada do desenvolvemento da súa actividade, por iso é polo que mostran a súa satisfacción por seguir recibindo o aval deste selo que distingue ás organizacións cos máis altos estándares de calidade na valorización de materiais, incluíndo os orixinados nos diferentes procesos de reutilización e reciclaxe.

Destacan tamén que no propio concepto dos Supermercados Gadis está a mellor forma de evitar a utilización de plásticos e outros materiais: a atención personalizada no mostrador tradicional permite reducir o uso de envoltorios e fomenta a compra responsábel, propiciando que os clientes axusten a cantidade de produtos ás súas necesidades, o que favorece unha redución do desperdicio alimentario.  Así mesmo, as bolsas das seccións de produto fresco son 100% biodegradábeis, compostábeis, reciclábeis e reutilizábeis.

Grupo Saica

É unha das empresas líderes en Europa na fabricación de papel reciclado para cartón ondulado. Con máis de 10.000 empregados e presenza internacional, ten catro liñas de negocio: xestión de residuos e servizos ambientais, fabricación de papel reciclado para cartón ondulado, produción de embalaxe de cartón ondulado e embalaxe flexíbel.