Gadis recada con achegas de clientes máis de 14.000 euros para a Asociación Española contra o Cancro

Campaña solidaria nun supermercado Gadis. (Foto: Europa Press)
Coincidindo co Día Mundial contra o Cancro, a AECC pon en marcha a nivel estatal esta campaña, da que Gadis participou nos tres últimos anos.

As e os clientes de Gadis realizaron unha doazón económica de 14.507 euros á Asociación Española contra o Cancro (AECC) como resultado da campaña solidaria 'A compra da túa vida', que se levou a cabo entre o 2 e 11 de febreiro en todos os puntos de venda da compañía na Galiza e Castela e León.

Nun comunicado, Supermercados Gadis traslada o seu agradecemento "aos clientes que colaboraron un ano máis con esta acción, poñendo en valor a relevancia do seu xesto altruísta, posto que esta axuda irá destinada a investigación e ao apoio ás persoas diagnosticadas".

Coincidindo co Día Mundial contra o Cancro, a AECC pon en marcha a nivel estatal esta campaña, da que Gadis participou nos tres últimos anos, contando coa colaboración dos seus clientes e clientas que achegaron en total arredor de 45.000 euros.

"Xerar impacto positivo na vida das persoas por medio de iniciativas solidarias é un dos propósitos de Gadis, que vertebra no seu programa de Responsabilidade Social Corporativa, a través do que presta o seu apoio a colectivos e asociacións que traballan en ámbitos e con perspectivas diferentes", engade.