Furgonetas, toldos e drons nun espazo natural. Denuncian o "desleixo" coa Costa do Dexo, en Oleiros

Imaxe da costa de Dexo, en Oleiros (Foto: Tanja Freibott).
O Consello da Xunta autorizou recentemente, segundo denuncian desde o BNG, a Consellaría de Medio Ambiente a iniciar o proceso para que finalmente e cun “atraso incomprensíbel” de 23 anos após a súa declaración como Monumento Natural Costa de Dexo-Serantes a “costa desprotexida de Dexo teña por fin un Plano integral de xestión”.

“O 31 de xullo do 2023, unha gran equipa de rodaxe dun presunto filme ou anuncio publicitario, ocupaba a Costa de Dexo con varias furgonetas, carpas, equipas pesadas, sets e mesmo un dron”.

Así denuncia o BNG de Oleiros a través dun comunicado o “desleixo” que segundo a formación nacionalista a Xunta está a permitir na Costa de Dexo, un espazo natural.

“Continúa a desfeita na Costa desprotexida de Dexo. Como non mostrar a nosa total desconfianza cara á Xunta que tan só após as flagrantes infraccións documentadas polo BNG nos últimos meses decidira mover ficha e recoñecer a patente degradación da zona? Polo que semella esa intención era só papel mollado vistas as incomprensíbeis ‘escenas’”, acrecentan os nacionalistas.

O Consello da Xunta autorizou recentemente, segundo denuncian, a Consellaría de Medio Ambiente a iniciar o proceso para que finalmente e cun “atraso incomprensíbel” de 23 anos após a súa declaración como Monumento Natural Costa de Dexo-Serantes a “costa desprotexida de Dexo teña por fin un Plano integral de xestión”.

“Décadas de omisión”

“A Xunta de Galiza após un primeiro estudo e décadas de omisión, abandono e colaboración por imprudencia no deterioro constante da Costa Desprotexida de Dexo, recoñece por fin o estado de abandono da mesma con “proliferación de especies exóticas invasoras”, o espazo soporta na actualidade unha importante presión de uso público e está excedendo a súa capacidade de carga e provocar diversas problemáticas”, indican desde o BNG.

Por este motivo, os nacionalistas cren que é especialmente grave que haxa “motos circulando en pleno monumento natural, vehículos aparcados no mesmo, drons alterando os niños dos corvos mariños, construcións fixas sen licenza, trails masivos circulando por camiños abertos ad hoc e polos muros de castros ou a escasos metros de aves en pleno proceso de nidificación, bicicletas sen control creando novas e novas rodeiras, tractores de administracións ampliando máis e máis os camiños preexistentes, cans soltos e sen control e demais”.