Caderno de Verán

Imos de furanchos!

Segundo a RAG, un furancho é un “local situado no baixo dunha casa ou nunha pequena bodega onde se vende o viño excedente da colleita e no que tamén se serve comida ou a levan os clientes”. O único sinónimo que ofrece é “loureiro”, pois para sinalar os furanchos, pendúranse pólas de loureiro na porta.

O termo “furancho” aparece por primeira vez, como sinónimo de “taberna”, no Dicionario Enciclopédico Gallego-Castellano, de Eladio Rodríguez, publicado pola editorial Galaxia a partir de 1958; pero a súa etimoloxía remóntase, como furado (foratus), á raíz latina fura, “cova ou cavidade”, á que se lle engade o sufixo ancho, que, ademais de ter o valor de “largo ou amplo”, tamén posúe un valor desprezativo. Está relacionado co burato que se lle facía, furando, ao barril para abillalo, é dicir, porlle unha billa pola que extraer o viño.

A cultura do viño na Galiza é milenaria, por algo é o territorio exportador de viño e coa denominación de orixe máis antiga do Estado, o Ribeiro. Así que, a tradición dos furanchos mantense viva na Galiza desde a Idade Media, como unha forma de economía precapitalista, segundo afirman no seu ensaio, arredor das semellanzas entre os furanchos da Galiza e as talhas do Alentejo portugués, Pablo Alonso González e Eva Parga-Dans; que engaden que “o estatuto xurídico de furanchos foi un asunto controvertido ao longo da era moderna, xa que as autoridades municipais intentaron tributar o vendido e a Igrexa tentou controlar o que se facía e dicía neles”. Segundo os furancheiros, como o expresidente da Federación Provincial de Pontevedra, José Luis Videira, a tradición ten trescentos anos. Cando a un colleiteiro lle sobraba viño para o seu uso particular, vendíao nas tabernas ou penduraba un loureiro na porta da casa, abillaba un barril e ofrecíallo á veciñanza, que en agradecemento achegaba algo de comer para acompañar a bebida. Isto xeraba un ambiente de comunidade e festa que propiciaba os cantos tradicionais. Esta situación dábase entre febreiro e maio, mentres no chegase a seguinte colleita.

A polémica cos furanchos

Co paso do tempo, a xuntanza de veciños e veciñas arredor das cuncas de viño excedentes da colleita, transformáronse en espazos semiclandestinos nos que o viño pasou a venderse e a comida a ofrecerse no proprio establecemento. Os loureiros, como lles chaman en Betanzos, atópanse en zonas rurais, polo que os produtos comestíbeis que acompañan o viño son caseiros e de primeira calidade, ademais de moi baratos. Razón pola que a primeira en descubrilos foi a xente nova chegada de zonas urbanas a pasar, por exemplo, un día de praia, pois a maior parte dos furanchos atópanse nas Rías Baixas, na zona sur de Pontevedra, especialmente no Salnés ou no Morrazo (máis de 300 federados, aínda que en realidade non se sabe o seu número con exactitude) e na zona de Betanzos.

A descoberta destes establecementos polo turismo e as boas colleitas, especialmente de 2011, multiplicaron o número de furanchos até convertelos nunha competencia desleal para bares e restaurantes, pois ofrecían comidas aos clientes sen contar coas licenzas nin requisitos legais dos negocios hostaleiros. As denuncias dos profesionais do ramo obrigaron ao goberno galego a desenvolver unha normativa que describira que actividades podían e cales non podían desenvolver os furanchos.  Neste sentido, a Lei de Turismo da Galiza de 2011 declarou os furanchos como establecementos con regulamentación propia, que non podían ser considerados establecementos de restauración; polo que promulgou para eles o Decreto 215/2012.

Requisitos que deben cumprir

Defínense os furanchos como aquelas adegas que teñen como actividade principal a de subministrar mediante prezo o viño excedente do consumo propio que procede dos seus viñedos. Desta forma, deben identificarse ao público mediante a exhibición, nun lugar visíbel, dunha placa denominativa coa clasificación de furancho; esta placa pode ir acompañada do tradicional ramallo de loureiro.

Ademais, estes establecementos non poden servir viño embotellado, senón que este ten que proceder directamente do barril. As comidas que sirvan deberán proceder de establecementos autorizados e estar perfectamente etiquetadas e documentadas, e en ningún caso serán sometidos a elaboración ou transformación no propio furancho. En relación con isto último, o regulamento tamén recolle unha serie de obrigacións á hora de ofrecer tapas nestes locais, entre as que se atopa a cobertura mínima de 90.000 euros ou o límite de tapas comercializadas como queixos, tortilla, pementos de Patrón, zorza ou raxo, entre outros. Con todo, cómpre destacar que os servizos ofertados e os seus prezos deben estar expostos nun lugar visíbel e de modo lexíbel.

Outra cuestión a cumprir é que deben contar coa autorización de apertura expedida polo concello, para un período determinado que dependerá da declaración previa de produción anual na Consellería do Medio Rural. O período de apertura non pode ser superior a tres meses e estará comprendido, con carácter xeral, entre o 1º de decembro e o 30 de xuño. Porén, a normativa recolle que estes establecementos, por circunstancias excepcionais que non permitan o desenvolvemento do traballo no intervalo de tempo fixado, si poderán ampliar dito período de forma extraordinaria. A situación de pandemia que vivimos o pasado ano 2020 e cuxas restricións continúan a afectar este 2021, permitiu que a Xunta aprobara a apertura dos furanchos até o 31 de xullo se os concellos daban o seu visto bo. A posibilidade de abrir estes locais até rematado xullo continúa vixente este verán.

Hoxe aínda que non todos cumpran os requisitos, atraen a clientela polo seu enxebrismo; até o punto de que mesmo se está a experimentar cun furancho de cervexa artesá, en Baio, na Costa da Morte. Seguramente a súa transformación levaraos a morrer de éxito e habería que preguntarse se non pagaría a pena conservar as súa características tradicionais e mantelos como un elemento etnográfico propio do patrimonio galego, pois en poucos lugares do mundo se coñece unha tradición coma esta. Ademais das talhas do Alentejo, existen en Canarias os guachinches e sábese que na zona de Trieste, entre Italia e Eslovenia, teñen as osmizze; así como en Viena e no sur de Austria atópanse os heuriger. Todos eles teñen en común cos furanchos galegos a venda do excedente do viño colleitado nun ambiente popular, tradicional e enxebre.