Un furacán este mes de setembro na Galiza? Meteorólogos lanzan unha advertencia

Modelo de predición da depresión tropical.

Varios modelos de predición numérica utilizados polos servizos de meteoroloxía amosan a posibilidade de que entre o 8 e o 12 de setembro se achegue á Galiza un ciclón tropical ou furacán que se atopa actualmente en formación no océano Atlántico.

O grao de incerteza sobre a configuración e desprazamento desta depresión que recollen as predicións numéricas é alto, mais algúns meteorólogos indican que a posibilidade de formación dun furacán é real e, por iso, apelan a manter a vixilancia.

O físico e meteorólogo da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) Juan Jesús González Alemán, un dos máis reputados especialistas neste tipo de fenómenos, deu a voz de alarma o 31 de agosto na súa conta de Twitter, onde advertiu de que se mantén “o firme escenario de presentar unha estrutura robusta e moverse cara ao leste, achegándose á Galiza”.

Esta quinta feira, acrecentaba a información: “Xa é case seguro que finalmente se forme o anómalo ciclón tropical do que estivemos falando”. Indica que “mesmo se intúe un ollo” e que as “fortes tormentas/convención na zona empezan a organizarse e a xirar ao redor dun centro de circulación”. González Alemán apunta que “queda por concretar a súa traxectoria”.

O meteorólogo afirma que "de momento, é depresión tropical 5, probabelmente asignaráselle un nome nas próximas horas" e apunta que "non nos debemos preocupar aínda deste fenómeno, a probabilidade é baixa. O evento é reseñábel pola anomalía atmosférica que supón".

O especialista Francisco Martín León explica en Meteored que podería darse o que cualifica como “feito sorprendente” no Atlántico: “O primeiro furacán da temporada formaríase lonxe das zonas tradicionais do Caribe, Golfo de México ou outras zonas do Atlántico occidental onde adoitan formarse os primeiros furacáns”.

O National Hurricane Center segue a traxectoria e deu conta días atrás da formación do que ao principio era unha “área de baixa presión ao longo dunha zona frontal en descomposición sobre o Atlántico”. A Administración dos EUA cifra en 80% a posibilidade de que se forme o sistema tropical nos próximos días.

Tanto Meteogaliza como a Aemet non advertiron do fenómeno, se ben as súas previsións coinciden en apuntar abundantes chuvias, especialmente na fin de semana.