Fundación USC, cando a xestión pública é máis eficiente que a privada: 1,8 millóns aforrados co servizo de limpeza

Traballadoras de Clece, en 2020, cando o servizo aínda estaba externalizado. (Foto: Arxina)
O servizo de limpeza das instalacións da USC, que estaba externalizado, pasou a xestión propia a comezos do pasado curso após ficar deserta a licitación porque non cubría os custos cun orzamento duns 8 millóns de euros. Porén, en mans agora da súa fundación, a universidade logra aforrar até 1,8 millóns de euros ao ano.

A limpeza das instalacións da Universidade de Santiago de Compostela (USC) era un servizo externalizado desde había anos, da man de Clece S.A. no campus da capital galega e de Limpezas San Froilán S.L. nas instalacións de Lugo, por un importe total que roldaba os 8 millóns de euros. Os contratos licitados entón vencían en abril e novembro de 2018, respectivamente, mais prevían a posibilidade de aprobar senllas prórrogas até agosto de 2021. Porén, primeiro Clece e despois San Froilán anunciaron, con anterioridade á expiración do contrato, a súa renuncia a esas prórrogas, alegando cuestións económicas ao entenderen que, con esas condicións e debido ás subas salariais previstas daquela, incorrerían en "perdas".

Mais finalmente ambas as renuncias non chegaron a porto e a USC, após ficar deserta —a mediados de 2018— a licitación do novo contrato entendendo que as condicións fixadas non quedaban cubertas polo prezo de licitación, acordou con Clece e San Froilán unha modificación dos pregos para garantir a prestación do servizo até 2021. Estas novas prórrogas supuxeron un incremento do custo do contrato de 5%.

Segundo as estimacións da propia universidade, nuns documentos consultados por Nós Diario, a opción de proceder a unha nova licitación en 2021 suporía un aumento considerábel do seu prezo: de 13,7%, no caso de reducir o cadro de persoal, ou de até 18,2%, se se pretendía manter o mesmo número de efectivos. Así, precisaríase perto dun millón de euros adicional en cada exercicio para poder afrontar o gasto e que o servizo fose viábel. Foi entón cando, chegado o novo equipo de Goberno á USC, optouse por estudar a viabilidade de ofrecer o servizo de limpeza a través dos medios propios.

Mais... como podería materializarse este cambio de xestión? É aí onde entra en xogo a Fundación USC, entidade sen ánimo de lucro adscrita á universidade que, malia estar inicialmente orientada ao ámbito deportivo, foi reconvertida para poder prestar o servizo. En 2019 o equipo de goberno encarga a elaboración de senllos informes xurídico-económicos para estudar a viabilidade de internalizar a limpeza, cuxas conclusións chegaron ao ano seguinte; con todo, a irrupción da pandemia da Covid-19 botou o freo á operación debido á incerteza sobre o que acontecería nos meses seguintes e canto tempo duraría o confinamento.

Isto motivou unha nova prórroga coas empresas concesionarias e o consecuente prexuízo para a USC, pois a pesar do fechamento das aulas tivo que seguir a abonar os importes previstos nos pregos. En maio de 2021, finalmente, a reitoría formaliza o encargo á Fundación.

Redefinir os recursos

Esta medida tiña por obxectivo realizar unha xestión máis eficiente do servizo, algo que a Universidade cría posíbel a través de medios propios, basicamente, por tres cuestións. En primeiro lugar, o aforro derivado de tratarse dunha entidade sen ánimo de lucro, pois ao licitar o servizo a unha empresa privada a USC tiña que abonar 21% de IVE polos gastos derivados do servizo. En segundo lugar, e ao fío desta cuestión, os organismos públicos non prevén nos contratos a partida do beneficio empresarial, que oscila entre 6 e 7% da licitación, polo que se engadiría esta contía ao aforro. E, finalmente, explica a este xornal o xerente da USC, Xabier Ferreira, redistribuíndo os recursos humanos dunha forma máis eficiente para facer fronte ao absentismo laboral, que coas anteriores empresas concesionarias roldaba 15% debido a que se trata dun sector altamente feminizado e con persoas traballadoras de avanzada idade.

"Fomos reducindo as coberturas por absentismo porque non eran precisas, a través dunha maior mobilidade do persoal", sinala. Deste modo, redefiníronse os espazos e frecuencias de limpeza buscando unha maior eficiencia: "Non supuxo unha maior carga de traballo nin se reduciu o persoal, senón que as horas están mellor distribuídas e baixamos a intensidade de limpeza dalgúns lugares como os despachos de profesores, que xa non se limpan todos os días como reflectía o contrato anterior".

"Era un modelo absolutamente ineficiente", precisa Xabier Ferreira

O modelo anterior, externalizado, caracterizábase pola "falta de control", precisa Ferreira. "Era un modelo moi ríxido, absolutamente ineficiente. Á empresa éralle rendíbel porque a USC pagaba todo pasase o que pasase", engade. O persoal mantén as mesmas condicións laborais que coas licitacións anteriores e, aliás, unha paga complementaria por produtividade que corre a conta do considerábel recorte no custo da prestación do servizo.

Agora, cando a internalización do servizo vén de facer un ano, a aposta pola xestión propia comeza dar os seus froitos. Segundo recolle un estudo elaborado polos economistas Miguel Vázquez Taín e María Bastida —ao que tivo acceso Nós Diario—, o custo real de execución é "significativamente menor" que a través da externalización e elévase até os 72.000 euros mensuais, isto é, uns 864.000 euros ao ano —excluíndo o aforro do IVE— e até 11,7% menos que o custo previo do servizo. Contando a non deducibilidade do IVE, a contía ascende a 1,84 millóns de euros por ano que a USC deixa de gastar no servizo de limpeza, "e que se poderán destinar ao realmente importante, a docencia e a investigación", defende Xabier Ferreira.

Clece S.A. recorre a decisión na Xustiza

Clece presentou un recurso administrativo contra a internalización do servizo a través da patronal das multinacionais do sector (Aspel), mais foi desestimado —incluídas as medidas cautelares que pedían retomar a concesión— polo Tribunal de Contratación Pública da Galiza.

Mais a compañía acudiu á Xustiza tamén a título propio, un procedemento que continúa en vía xudicial. "Presentouse a demanda, contestouse e agora está pendente do trámite de proba", sinala Ferreira, que denota tranquilidade neste proceso argumentando que a internalización foi acorde á legalidade vixente.

Nós Diario tentou contactar con Clece e Limpezas San Froilán para coñecer a súa opinión ao respecto, mais ao feche desta edición non se obtivera resposta ningunha.