Fundación Camiña Social: soldos conxelados con 5,5 millóns de euros de remanente

Traballadoras e traballadores do centro Concepción Arenal e CIEMA concentrados na Coruña (Nós Diario).

Persoal dos centros Concepción Arenal e de Intervención Educativa en Medio Aberto (CIEMA), xestionados pola Fundación Camiña Social, manifestáronse esta quinta feira en protesta polo “inmobilismo” desta organización após descubrir que nas súas contas tiñan “grandes cantidades de diñeiro”.

Traballadoras e traballadores do centro Concepción Arenal e o CIEMA, xestionados pola Fundación Camiña Social, concentráronse esta quinta feira diante das súas instalacións na Coruña para demandar a recuperación do poder adquisitivo dos salarios, a defensa do convenio colectivo propio e a mellora do servizo que se presta ás persoa que atenden.

A convocatoria partiu, de maneira unitaria, das organizacións sindicais CIG-Ensino, UXT-Servizos e CCOO-Ensino.

O persoal critica que teñen os seus soldos “conxelados” desde o ano 2014, data na que asinaron o seu último convenio colectivo. Denuncian que agora,  tras unha media ducia de xuntanzas sen avances neste 2021, a Fundación pretende deixar o convenio propio para pasar ao convenio estatal (de peores condicións laborais e sociais) a cambio dunha “miserenta oferta económica”, que para algunhas categorías suporía un 0% de suba salarial, dado que aínda están por enriba do convenio estatal logo de ter este 3 renovacións na última década.

Perdas cun superávit de 5,5 millóns de euros

A delegada da CIG no centro, Elena López, explica a Nós Diario que en todos estes anos “a empresa sempre lles dixo que tiña perdas” polo que o persoal “foi comprensivo todo este tempo até que descubrimos que os seus números vermellos eran moi inferiores aos remanentes de anos atrás”.

Estudadas as contas por parte dos economistas das tres centrais sindicais, descubriron que a Fundación Camiña Social, sen ánimo de lucro, tiñan 200.000 euros de perdas nos últimos tres anos mais gardaban 5,5 millóns de euros de anos anteriores.

Primeira dunha serie de mobilizacións

O centro Concepción Arenal conta con 35 prazas que a Fundación xestiona cobrando 195 euros/ día por cada unha delas. Con anterioridade á crise de 2008 o custe era superior superando, segundo algunhas fontes, os 210 euros /día por cada praza.

A instalación creouse en 2002 e nun principio estaba dirixida pola Fundación Diagrama que abandonaron a súa xestión poucos anos despois. O delegado de CCOO no centro, Henrique Segade, relata a Nós Diario que coa aparición da nova entidade “sobrou diñeiro que se foi acumulando”, en concreto apunta que “algún ano chegaron a ser de 900.000 euros, outro 500.000” até chegar “a acumular 5,5 millóns de euros”.

Malia estas cantidades, segundo Segade, “os salarios eran os mesmos, mesmo traballando noites e domingos”.

Diante do que consideran un “ataque” ao persoal, acordaron realizar esta primeira mobilización nas instalacións de Palavea para reclamarlle á dirección que “abandone a súa postura inmobilista, que respecte os dereitos adquiridos mantendo o convenio propio e que aborde unha negociación real que permita ao persoal, cando menos, recuperar o poder adquisitivo perdido nestes anos e dignificar os seus salarios na liña de garantir o IPC nas súas táboas salariais actuais e futuras”.