A Fundación ”la Caixa” destina 11 millóns de euros para acción social na Galiza

Alfonso Rueda e Isidro Fainé asinando hoxe o acordo.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o da Fundación ”la Caixa”, Isidro Fainé, asinaron en Santiago de Compostela o convenio marco que contempla a colaboración entre ambas as dúas institucións en materia de acción social, educativa, científica e cultural durante 2023.

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, e o presidente da Fundación ”la Caixa”, Isidro Fainé, asinaron hoxe un acordo marco que reforza a colaboración entre ambas as dúas institucións en materia social, científica, educativa e cultural. Grazas a este convenio, a entidade dedicará un total de 11 millóns de euros a acción social na comunidade en 2023.

"Compráceme renovar o compromiso da Fundación coa sociedade galega, tan querida para nós. Este acordo permítenos estar máis preto das persoas, especialmente daquelas en situación de vulnerabilidade. O noso obxectivo é traballar para avanzar cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria, que dea máis oportunidades a quen máis o precisa. Unha acción social que redunde, en definitiva, nunha mellora da calidade de vida dos galegos", expresou o presidente da Fundación ”la Caixa”, Isidro Fainé.

Pola súa parte o presidente da Xunta agradeceu “a longa traxectoria de compromiso coa Galiza e cos galegos da Fundación”. Ademais, puxo tamén en valor que este tipo de colaboracións permiten chegar “onde as administracións ás veces non somos quen de chegar e atender, así, as necesidades das persoas que máis o precisan”. Entre os obxectivos básicos marcados no convenio asinado hoxe destacan a colaboración na mellora das condicións de vida da infancia máis vulnerable, das persoas maiores e dos colectivos con necesidades especiais afectados por enfermidades, así como a contribución ao benestar de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión.

Ademais destas liñas de actuación, o acordo tamén inclúe accións nos ámbitos educativo, cultural e de investigación e coñecemento. Algúns dos proxectos prioritarios que dan conta do compromiso da entidade cara ás necesidades dos galegos, cunha especial atención posta na acción social transformadora, son os seguintes:

  • CaixaProinfancia, un dos programas estratéxicos da entidade, desenvólvese na Galiza co obxectivo de loitar contra a pobreza infantil. Esta iniciativa vai dirixida a nenos e adolescentes de entre 0 e 18 anos con familias en risco ou en situación de exclusión. En 2022, este programa atendeu na Galiza a 701 nenos e nenas de 420 familias.
  • A través dos proxectos de integración laboral, entre os que destaca o programa Incorpora, a entidade fomenta la contratación de colectivos con dificultades especiais para atopar traballo, como persoas con discapacidade, desempregados de longa duración, mozos en risco de exclusión, mulleres vítimas de violencia de xénero e persoas migrantes, entre outros. Ao largo de 2022 facilitáronse un total de 1.675 insercións laborais na Galiza grazas á colaboración de 525 empresas do territorio. Son 9 entidades sociais e 46 técnicos de inserción os que se encargan de desenvolver Incorpora na comunidade, coordinados por Igaxes3, Instituto Galego de Xestión para o Terceiro Sector.
  • O programa de Atención Integral a Persoas con Enfermidades Avanzadas busca mellorar a calidade da atención ás persoas que se atopan ao final da súa vida, así como ás súas familias. Na Galiza, este programa conta con dous equipos de atención psicosocial que actúan en cinco hospitais, que atenderon a 1.541 pacientes e 1.272 familiares en 2022. Do mesmo xeito, desde o pasado 14 de novembro este programa estendeuse tamén a Lugo, desenvolvéndose no Hospital Lucus Augusti, da man de Cruz Vermella.
  • O programa de Persoas Maiores ten como misión fomentar a participación social deste colectivo, dar valor á súa experiencia e situalo como protagonista activo na nosa sociedade. Grazas ao programa, as persoas maiores teñen a oportunidade de formarse en proxectos de novas tecnoloxías, culturais e sociais a través de 25 centros con convenios. En 2022 realizáronse na Galiza 470 actividades, nas que participaron 5.589 usuarios, dobrando as cifras do ano anterior.
  • O Programa de Axudas a Proxectos de Iniciativas Sociais investiu en 2022 1,63 millóns de euros en 69 proxectos de entidades galegas.

A inserción social e laboral de persoas privadas de liberdade a través do programa Reincorpora (147 na Galiza en 2022) e as bolsas da Fundación ”la Caixa” (12 concedidas en 2022) son tamén obxectivos destacados aos que a Fundación ”la Caixa” destina os seus esforzos na comunidade.

Por outra banda, a rede de oficinas de CaixaBank, mediante axudas da Fundación ”la Caixa”, impulsa proxectos e actividades da súa realidade máis inmediata nos ámbitos social, cultural e educativo. Ao longo do ano 2022 facilitáronse 173 destas axudas, cun investimento de 730.000 euros por parte da Fundación.

Preto de 420.000 visitantes ás exposicións na Galiza

A Fundación ”la Caixa” promove a difusión territorial da cultura a través das exposicións que programa. Na Galiza, durante 2022 organizáronse 8 mostras itinerantes, que sumaron un total de 419.425 visitantes. En 2022 puideron visitarse Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño no Museo Centro Gaiás de Santiago de Compostela; Terra de soños. Cristina García Rodero, en Ourense, A Coruña, Pontevedra e Lugo; Outros mundos. Viaxe polo sistema solar da man de Michael Benson, en Vilagarcía de Arousa; e De Polo a Polo na Coruña.

Algunhas destas iniciativas, como a mostra Obxectos de desexo, desenvolvéronse grazas ao acordo específico subscrito entre a Fundación e a Xunta para apoiar ao Xacobeo 2021-2022, ao que se destinou un total de 5 millóns de euros. Actualmente e ata o próximo 9 de decembro, pode verse gratuitamente a mostra Comeza o espectáculo. Georges Méliès e o cine de 1900, na Praza Horta do Seminario de Lugo.

Por outra parte, no ámbito educativo, séguese a desenvolver o programa EduCaixa, que engloba a totalidade da oferta educativa da Fundación ”la Caixa”. En 2022, foron 112 escolas galegas, involucrando a 13.871 alumnos e 887 docentes, as que participaron en recursos e actividades deste proxecto.

En canto á investigación científica e médica, dentro das convocatorias CaixaImpulse e CaixaHealth Research, a Fundación la Caixa destinou 600.000 euros a 2 proxectos de investigación, desenvolvidos pola Universidade de Santiago de Compostela e pola Universidade da Coruña.