Ciencia e investigación

A Fundación "la Caixa" apoia catro proxectos biomédicos con participación da USC

Acto da Fundación la Caixa en Barcelona, hoxe.
Son proxectos seleccionados no marco da convocatoria CaixaResearch de Investigación en Saúde de 2023, que ten o obxectivo de impulsar a investigación biomédica de excelencia con gran impacto social en investigación básica, clínica e traslacional.

A Fundación "la Caixa" celebrou hoxe en Barcelona un acto de entrega de axudas a 33 proxectos de investigación en biomedicina e saúde que levarán a cabo en centros de investigación, entre os que se atopan catro iniciativas con participación da Universidade de Santiago de Compostela.

Nesta convocatoria premiouse, en primeiro lugar, un proxecto, liderado polo investigador Javier Montenegro, do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da USC, de loita contra a resistencia bacteriana que quere crear unha nova aproximación para facilitar o transporte de antibióticos a través da membrana celular. Recibirá un total de 984.050 euros.

Ademais, seleccionáronse outros tres proxectos liderados por outros centros de investigación que contan cunha importante participación galega. A investigadora Aurora Gómez Durán, do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), participa nun proxecto capitaneado polo Centro de Investigacións Biolóxicas Margarita Salas (CIB-CSIC) que quere descifrar o papel das alteracións do metabolismo celular no desenvolvemento da esclerose lateral amiotrófica. Recibirá un total de 971.936 euros.

Así mesmo, Faustino Gómez, tamén da Universidade de Santiago de Compostela, participa nunha iniciativa liderada polo Instituto de Microelectrónica de Barcelona (IMB-CNM, CSIC) que desenvolverá sensores que permitan controlar as doses aplicadas durante a radioterapia FLASH. Neste caso, recibirá 500.000 euros.

Pola súa parte, Mabel Loza, de Fundación Kaertor, participa nun proxecto con liderado do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares Carlos III (CNIC) que traballa nunha molécula producida pola microbiota intestinal que permita a detección precoz e o tratamento da aterosclerosis. Recibirá 967.620,20 euros.

Caixasearch

Todos eles, precisou a fundación, son proxectos seleccionados no marco da convocatoria CaixaResearch de Investigación en Saúde de 2023, que ten o obxectivo de impulsar a investigación biomédica de excelencia con gran impacto social en investigación básica, clínica e
traslacional. A convocatoria, á que este ano se presentaron 493 propostas, está especialmente dirixida á abordaxe de retos de saúde, como as enfermidades infecciosas, as neurociencias, as enfermidades cardiovasculares e metabólicas relacionadas e a oncoloxía. Ademais, outras iniciativas premiadas desenvolverán tecnoloxías facilitadoras nalgún destes campos.

Un apoio enfocado a resultados que melloren a vida dos pacientes O director xeral da Fundación "la Caixa", Antonio Vila Bertrán; o presidente do comité científico da Fundación "la Caixa", Javier Solana; e a director da área de Relacións con Institucións de Investigación e Saúde da Fundación "la Caixa", Ignasi López; fixeron entrega das axudas nunha cerimonia que tivo lugar no Museo da Ciencia CosmoCaixa.

"A investigación científica é fundamental para o progreso social e o benestar dos cidadáns. A ciencia non só nos axuda a construír a sociedade do coñecemento, senón que é chave para mellorar a calidade de vida daqueles que máis o necesitan", lembrou Vila Bertrán.

Para logralo, a convocatoria CaixaResearch de Investigación en Saúde 2023 está dotada cun total de 25,3 millóns de euros destinados a estes proxectos -22 deles, liderados por centros do Estado español, e 11, portugueses-, que se desenvolverán durante os próximos tres anos. As axudas supoñen un apoio económico de ata 500.000 euros para proxectos presentados por unha única organización de investigación e de ata un millón de euros para proxectos presentados por consorcios de entre 2 e 5 organizacións de investigación.