Funcionariado de Xustiza en folga ven con ‘indignación’ as cesións a xuíces e fiscais

Protesta do funcionariado de Xustiza en Ferrol nunha foto de arquivo. (Foto: Europa Press)

Os sindicatos cifran en 36% a participación nesta xornada de paros e a Xunta redúcea a 8,5%.

Os funcionarios da Administración de Xustiza botáronse esta quinta feira de novo ás rúas para protestar nunha nova xornada de folga convocada para esixir, entre outras cuestións, unha "subida salarial digna".

Sindicatos convocantes (CSIF, STAJ, CCOO e UXT) e traballadores e traballadoras protagonizaron concentracións esta mañá ante a Delegación do Goberno español na Galiza e as subdelegacións, do mesmo xeito que no resto do territorio estatal, para esixir que se desbloqueen as negociacións do seu conflito.

Entre outras cuestións, tal e como apunta o sindicato STAJ, os traballadores e as traballadoras ven con "indignación" as propostas realizadas polo Ministerio a xuíces e fiscais, que anunciaron unha folga desde o 16 de maio.

"A xente non entende como lle soben aos letrados, agora sóbenlle a xuíces e fiscais e a nós non nos soben absolutamente nada", apuntan desde o sindicato. "É coma se nunha empresa sóbenlle aos directivos e os currantes quedan sen nada", engaden.

Aumento do seguimento

Segundo o cálculo dos sindicatos convocantes, sen ter en conta o 23% de traballadores que pertence aos servizos mínimos, o seguimento da folga desta quinta feira na Galiza é "de 36%", con maiores índices en Ourense. Confían que este "aumento claro" con respecto á semana anterior se consolide nos paros convocados a próxima semana e "mentres non se chegue a un acordo".

A Xunta, pola súa banda, apunta que o seguimento da xornada de folga na Galiza foi de 8,5% dos traballadores e das traballadoras, cunha pinza que vai desde 10,7% de Ourense e 7,4% de Lugo.

A esta folga están chamados 45.000 traballadores e traballadoras, que inclúen xestores procesuais e administrativos, atención ao cidadán, rexistro de documentos, redacción e distribución de dilixencias, autos, notificacións, médicos forenses e facultativos de toxicoloxía ou técnicos de laboratorio, entre outros.