Funciona correctamente o transporte escolar na Galiza? A DXT inicia unha campaña de vixilancia

Crianzas baixando do transporte escolar en Nadela, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
As autoridades consideran esta campaña de control de especial importancia dado que máis de 95.000 crianzas utilizan este medio para chegar ao seu centro educativo. Ademais, o país é o que máis rutas escolares ten de todo o Estado español.

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) quere saber se o transporte escolar das crianzas está a funcionar baixo os parámetros estipulados na Galiza e, en consecuencia, esta segunda feira 17 de xaneiro, comezará unha campaña de control que vai decorrer até a sexta feira 21 de xaneiro.

Os axentes de Tráfico, así como membros da Policía Local dos distintos municipios, van parar algúns autobuses que fornecen este servizo de traslado entre os fogares e os centros educativos no país.

O obxectivo é comprobar que as persoas condutoras estean a cumprir coa norma estabelecida. Unha das cuestións a analizar será, por exemplo, que as crianzas teñan o acompañamento dunha persoa cualificada nos seus desprazamentos.

Malia que esta medida de control poida parecer menor, as autoridades considérana de “importante transcendencia” porque o país é o territorio do Estado español que conta cun maior número de itinerarios de transporte escolar.

De feito, máis de 95.000 estudantes chegan así a perto de 900 escolas, colexios e institutos.

Distraccións nos accidentes

Ademais, atendendo ás estatísticas, o 90% dos accidentes vinculados ao transporte escolar, suceden no momento de acceder ou abandonar o vehículo, como poden ser os atropelos por distracción dalgunha das persoas que forman parte desa rutina.

Segundo a Delegación do Goberno de España na Galiza, esta é a primeira campaña especial dentro da axenda de vixilancias especiais programadas para 2022. Na última desta índole realizada en 2021 formuláronse 337 denuncias a 166 autocares.