Saúde

"Fumar encolle o cerebro", a preocupante conclusión dun novo estudo científico sobre o tabaquismo

Un paquete de tabaco. (Foto: Nós Diario)
Os achados, publicados en 'Biological Psychiatry: Global Open Science', axudan a explicar por que as persoas fumadoras teñen un alto risco de deterioración cognitiva relacionada coa idade e a enfermidade de Alzheimer.

É coñecido que o consumo de tabaco asóciase a máis de 25 enfermidades, sendo a principal causa de boa parte de mortes por cancro de pulmón e de máis de 50% das enfermidades cardiovasculares. Ademais, hai pouco asociábase ao risco de desenvolver depresión, pola súa asociación ás enfermidades mentais.

Agora un novo estudo foi observar cales son os seus efectos no cerebro, un órgano pouco estudado no que se refire ao tabaquismo. Así, investigadores da Facultade de Medicina da Universidade de Washington en St. Louis (EUA) observaron que fumar “encolle” o cerebro.

A boa noticia é que deixar de fumar prevén unha maior perda de tecido cerebral, pero aínda así, deixar de fumar non devolve o cerebro ao seu tamaño orixinal. Dado que o cerebro das persoas perde volume de forma natural coa idade, fumar efectivamente fai que o cerebro envelleza prematuramente.

Os achados, publicados en Biological Psychiatry: Global Open Science, axudan a explicar por que as persoas fumadoras teñen un alto risco de deterioración cognitiva relacionada coa idade e a enfermidade de Alzheimer. "Até hai pouco, os científicos pasaran por alto os efectos do tabaquismo no cerebro, en parte porque nos centrabamos en todos os terríbeis efectos do tabaquismo nos pulmóns e o corazón", afirma a autora principal Laura J. Bierut, profesora de Psiquiatría.

"Pero a medida que empezamos a observar o cerebro máis de perto, fíxose evidente que fumar tamén é moi malo para o cerebro", afirma Bierut, quen sinala que desde hai moito tempo sábese que fumar e un menor volume cerebral están relacionados, pero nunca estiveron seguros do porqué.

Respecto diso hai estudos que sinalaron a xenética como un factor para considerar. Tanto o tamaño do cerebro como o hábito de fumar son hereditarios. Aproximadamente a metade do risco de que unha persoa fume pódese atribuír aos seus xenes.

Para desentrañar a relación entre xenes, cerebros e comportamento, Bierut e o primeiro autor Yoonhoo Chang, un estudante de posgraduado, analizaron datos extraídos do UK Biobank, unha base de datos biomédica dispoñíbel publicamente que contén información xenética, de saúde e de comportamento de medio millón de persoas, na súa maioría de ascendencia europea.

Un subconxunto de máis de 40.000 participantes do Biobanco do Reino Unido someteuse a imaxes cerebrais, que poden usarse para determinar o volume cerebral. En total, o equipo analizou datos non identificados sobre o volume cerebral, o historial de tabaquismo e o risco xenético de fumar de 32.094 persoas.

Así, puideron demostrar varios pares de factores que estaban relacionados: antecedentes de tabaquismo e volume cerebral; risco xenético de fumar e antecedentes de tabaquismo e risco xenético de fumar e volume cerebral. Ademais, a asociación entre fumar e o volume cerebral dependía da dose: cantos máis paquetes fumaba unha persoa ao día, menor era o seu volume cerebral.

Cando se consideraron os tres factores xuntos, a asociación entre o risco xenético de fumar e o volume cerebral desapareceu, mentres que o vínculo entre cada un deles e as condutas de fumar permaneceu. Utilizando un enfoque estatístico coñecido como análise de mediación, os investigadores determinaron a secuencia de eventos: a predisposición xenética conduce a fumar, o que conduce a unha diminución do volume cerebral.

"Soa mal e é malo. Unha redución no volume cerebral é consistente cun maior envellecemento. Isto é importante a medida que a nosa poboación envellece, porque tanto o envellecemento como o tabaquismo son factores de risco de demencia", afirma a investigadora.

E, desgraciadamente, a contracción parece irreversíbel. Ao analizar datos de persoas que deixaran de fumar anos antes, os investigadores descubriron que os seus cerebros permanecían permanentemente máis pequenos que os das persoas que nunca fumaran. "Non se pode desfacer o dano que xa se causou, pero pódese evitar causar máis danos. O tabaquismo é un factor de risco modificábel. Hai unha cousa que podes cambiar para deixar de envellecer o teu cerebro e porte en maior risco de demencia, e é deixar de fumar", conclúe.