O Fuenlabrada fica, de momento, na Coruña cos seis positivos entre a súa expedición

Dúas persoas acceden ao hotel en que está hospedada a expedición do Fuenlabrada na Coruña (Imaxe: M. Dylan / Europa Press)
Continúa a polémica ao redor da viaxe do Clube de Fútbol Fuenlabrada á Galiza na que se descubriron seis positivos por Covid-19 e que provocou a suspensión do derradeiro partido da liga que enfrontaba os madrileños co Deportivo. A expedición visitante segue confinada na cidade da Coruña.

O xerente da área sanitaria da Coruña, Luis Verde, informou de que persoal técnico realizou un total de 46 probas PCR a membros da expedición do Clube de Fútbol Fuenlabrada, entre os cales hai seis positivos. O equipo madrileño debía enfrontarse ao Deportivo da Coruña na derradeira e crucial xornada de Liga.

De momento, a expedición permanece illados no hotel en que se hospedaba. “O illamento pode facerse aquí ou noutro sitio, mais hai que facelo”, sinalou Verde, a decisión dependerá “dos acordos e conversas” entre a Xunta, o Goberno da comunidade de Madrid e o Ministerio de Sanidade. 

O alcalde de Madrid, José Luis Martínez Almeida, xa se pronunciou ao respecto e afirmou que o protocolo foi utilizado “de maneira estrita”. Salientou que “o que toca é pasar corentena na Coruña”. A Xunta da Galiza informou no día de onte de que abriu unha investigación para coñecer se o clube madrileño viaxou á Coruña sabendo que había algún caso positivo nas probas de diagnóstico da Covid-19 entre os membros da expedición.

Tebas, co Fuenlabrada

Pola súa parte, o presidente da Liga, Javier Tebas, saíu onte en defensa do clube madrileño, do cal é avogado o seu fillo Javier Tebas Llanas. O responsábel da competición expuxo que os xogadores que viaxaron á Galiza “non deran positivo e estaban en perfecto estado para poder xogar”. Tamén asegurou que a derradeira xornada da Liga, na que o Dépor se xogaba a permanencia na segunda división e que debido aos positivos entre o conxunto rival non puido disputar, “non se vai repetir”. Desoe, así, as protestas do equipo galego, do Elche, do Rayo Vallecano e do Numancia.

Os xogadores do Dépor, pola contra, non dan “validez ningunha”, ao desenlace da Liga, na que se consumou o seu descenso á segunda división B sen xogar o partido fronte ao Fuenlabrada.

O BNG leva a "irresponsabilidade" da Liga ao Congreso

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou no día de onte unha iniciativa no Congreso dos Deputados para que as autoridades competentes "actúen diante da irresponsabilidade delitiva" da Liga por "autorizar a viaxe do Fuenlabrada á Coruña sabendo que había casos de coronavirus e pondo en perigo a saúde e a vida da xente".