Crónica dun delirio futbolístico-sanitario na Coruña

O Deportivo baixou a Segunda División B sen tan sequera saltar ao céspede nunha das xornadas máis frenéticas e esperpénticas en toda a historia do fútbol.
Xogadores do Fuenlabrada, aterrando na mañá de onte en Alvedro. Voaron, polo menos, 12 positivos en Covid-19 (Foto: UD Fuenlabrada).
photo_camera Xogadores do Fuenlabrada desembarcando na mañá de onte en Alvedro. Voaron, polo menos, 12 positivos en Covid-19 (Foto: UD Fuenlabrada).

En calquera outra circunstancia, e con permiso da alegría que representa para o fútbol galego a salvación do Clube Deportivo Lugo, a noticia do día sería o descenso a Segunda B do Deportivo da Coruña. Un equipo que hai cinco anos finalizaba a Liga de Primeira en 16ª posición. Que hai dez descendía a Segunda logo de dúas décadas consecutivas na máxima categoría. E que hai 20 levantaba o título de campión por diante de Madrid, Barcelona e compañía. Pero non.

A noticia do día é o inmenso escándalo tecido arredor do fútbol español e dunha Liga de Fútbol Profesional -dirixida polo ultradereitista Javier Tebas- que protagonizou un espectáculo infame e patético.

Pouco menos de dúas horas antes de que comezase a derradeira xornada do campionato de Segunda División, que contaba con horario unificado, o Diario de Cádiz -ao César o que é do César- adiantaba que varios xogadores do Fuenlabrada, o rival do Real Club Deportivo, foran diagnosticados positivo en coronavirus.

A noticia espallouse á velocidade do raio e as informacións confirmaron que o Fuenlabrada, que levaba desde que aterrara en Alvedro durante a mañá de onte facendo vida normal pola cidade da Coruña -paseando pola céntrica e habitualmente masificada rúa Real, por exemplo- e nas instalacións do Hotel Finisterre, contaba non con cinco, como se comentaba inicialmente, senón con 12 persoas positivas entre xogadores e cadro técnico.

Loxicamente, o Fuenlabrada non se presentou no Estadio Municipal de Riazor e posteriormente fíxose público que se atopaba confinado no propio hotel polo Servizo Galego de Saúde. O conxunto madrileño xustificouse nun breve comunicado indicando que os afectados non tiñan "sintomatoloxía" e que respectaran o "protocolo sanitario".

Mais o propio presidente da Liga afirmara un par de meses atrás que "se aparecesen cinco afectados nun clube, denotaría certa neglixencia". Está por ver cal será a reacción da LFP ante o que, atendendo ás verbas de Tebas, é unha clara "neglixencia", especialmente tendo en conta que o avogado da escuadra madrileña é o fillo do presidente da Liga, no que podería ser interpretado como un conflito de intereses.

Un xiro de guión 'telenovelesco'

Contra todo prognóstico a xornada desenvolveuse con normalidade coa única excepción do Dépor-Fuenlabrada entre as protestas de numerosos equipos como Albacete e Raio Vallecano, que criticaron a "adulteración" da competición que supuña esta medida, chegando os madrileños a denunciar "ameazas" de sancións en forma de perda de puntos en caso de negarse a xogar.

 "Convocamos unha reunión extra a pedimento da Liga con Consello Superior de Deportes (CSD), RFEF e Liga na que se decidiu que se suspendese unicamente o Deportivo-Fuenlabrada, unha decisión que se toma para protexer a saúde dos xogadores de ambos os equipos, e tómase a medida excepcional, debido a que adoitan xogarse todos os partidos ao mesmo tempo, de suspender só un por unha cuestión de lóxica pura que é que se celebre todo o que se poida en condicións sanitarias seguras", indicou o Consello Superior de Deportes.

Difuminando as liñas entre información e opinión, esta medida era a todas luces un claro despropósito, pois cando se xogase o partido adiado entre Deportivo e Fuenlabrada, o coruñés podería ser xa equipo de 2ªB. Ou no caso contrario, se Lugo e Albacete -os outros equipos que pelexaban por salvar a categoría- perdesen, Dépor e Fuenlabrada poderían xogar a empatar para lograr cadanseus obxectivos (o play-off, no caso dos do sur de Madrid).

Chegadas as 21 horas, e xa sobre o céspede, lucenses e manchegos fixeron os deberes e gañaron cadanseus partidos, condenando o Dépor ao inferno da Segunda División B. Mais este culebrón que parece saído da mente do máis retorcido dos guionistas está lonxe de rematar.

A última hora da noite de onte, e en rolda de prensa, Fernando Vidal, presidente do Deportivo, indicaba que el non se consideraba "equipo descendido". "Neglixente", "vergoñento", "lamentábel"... foron só algunhas das duras verbas que saíron da boca dun Vidal que se mostrou rotundo: chegará á xustiza ordinaria para evitar o descenso do Dépor.

Comentarios