Para a FRUGA o anuncio do adianto da PAC é pura propaganda da Consellería

A Conselleira do Medio Rural vén de anunciar o adianto no pagamento das subvencións da PAC 2017, tanto axuda para vacas aleitantes, como vacas de leite, como o pagamento do pago único e pagamento verde. Un adianto que supón o adianto dunha porcentaxe destas axudas.

 

A Federación rural galega (Fruga) lembra que a Unión Europea permitía facer este anticipo das axudas a partir do 16 de Outubro. “Noutras comunidades os labregos xa cobraron este adianto das subvencións en datas pasadas”.

 

Desde a Federación Rural Galega aseguran que  “o único que fai a conselleira do Medio Rural, é mera propaganda”, incidindo en que estes pagamentos xa se podían ter feito, tal e como aconteceu noutros territorios do estado español.

 

“Este ano as condicións climatolóxicas, foron totalmente desfavorables, dende as importantes xeadas, a seca, o brote de incendios, .... toda esta serie de factores minguou seriamente os beneficios das explotacións, e como tal parécenos que dende a Xunta de Galiza había que ter isto en conta, e adiantar o máximo posible as axudas”.

 

“As explotacións agrogandeiras galegas, na maior parte dos casos precisan de liquidez, para paliar as enormes perdas que sufriron como consecuencia da climatoloxía adversa sufrida o longo do ano, e a día de hoxe non obtiveron ningún tipo de axuda. Falar da contratación de seguros, ou falar de falsos adiantos da PAC, non serven para paliar as difíciles situacións que están a vivir os labregos galegos”.