Fruga reclama cambios na política forestal e agropecuaria ante a vaga de incendios
O sindicato pide dimisións en Medio Rural unha vez remate esta vaga.
A Federación Rural Galega (Fruga) manifestou esta terza feira a súa preocupación pola vaga de incendios que afecta Galiza, con máis de 95.000 hectáreas queimadas, principalmente en comarcas rurais. A organización considera que a situación evidencia o "fracaso da política de loita contra os incendios" e de xestión forestal desenvolvida pola Xunta da Galiza.
Fruga atribúe a gravidade da situación á supresión das Unidades de Xestión Forestal (Uxfor), creadas para mellorar a ordenación e rendibilidade do monte, así como ao incumprimento do Plan Forestal da Galiza, que contemplaba medidas como a recuperación do castiñeiro e o fomento das frondosas. Engade tamén que a división das competencias en dúas direccións xerais dificultou a planificación. O sindicato apunta, ademais, ao abandono e despoboamento do rural, ligado á falta de medios para garantir unha vida digna ás persoas que viven da actividade agropecuaria, como factores que contribúen á situación actual.
Ante esta situación, dese a Fruga móstranse "pesimistas": "dubidamos moito que a catástrofe social, económica, cultural e ambiental deses días sirva para que o presidente da Xunta da Galiza queira realmente realizar cambios profundos nas súas políticas de exterminio do rural galego". Pois, para o sindicato, as políticas de Alfonso Rueda "van totalmente en dirección contraria": "aposta pola eucaliptización" e "o espolio dos nosos recursos naturais como se fósemos unha colonia".
Segundo a Fruga, os incendios deixaron persoas feridas, vivendas e explotacións destruídas, animais mortos e evacuacións en varias zonas, cun operativo de extinción que cualifican como insuficiente.
A organización insta á Xunta a dotarse dun servizo público profesional e permanente, dimensionado para prevención e extinción, a garantir a viabilidade das explotacións afectadas e habilitar indemnizacións e axudas inmediatas. Reclama tamén modificar a política agropecuaria e forestal, recuperando instrumentos de xestión colectiva como as Uxfor e promovendo un monte multifuncional con usos tradicionais como o pastoreo. Ademais, solicita estabelecer unha moratoria indefinida para novas plantacións de eucalipto, cuxa restrición actual finaliza o 31 de decembro.
Fruga pide que, unha vez finalizada a vaga de lumes, a conselleira do Medio Rural e os responsábeis das direccións xerais asuman responsabilidades e, de ser o caso, sexan "apartados dos seus postos".