Fruga lanza a proposta dunha Plataforma en defensa do sector lácteo

[Imaxe BNG]

Inclúe a iniciativa nun manifesto presentado en Lugo de maneira conxunta co BNG. 

 

A organización agraria, Fruga, e representantes do BNG entre @s que se atopaba o deputado no Parlamento de Galiza, Cosme Pombo, presentaron esta quinta feira (14 de maio) un manifesto "na defensa do sector lácteo galego". Un texto que inclúe unha "proposta urxente para soster" o leite do país nun intre en que está atinxido por unha fonda crise. 

Entre as ideas lanzadas pola Federación Rural Galega (Fruga) atópase a proposta de creación dunha plataforma que abranga "todos os colectivos afectados directamente (produtores e produtoras, industrias, autónomas e autónomos, comerciantes, maquinaria agraria, alimentación, servizos técnicos e veterinarios etc.) mais tamén a máis diversa e plural representación da sociedade rural, e non só, de Galiza". 

O texto, ao que lle deron leitura perante o edificio multiusos da Xunta en Lugo incorpora tamén unha relación de "medidas de urxencia" que, con carácter provisorio, din, "cómpre adoptar para impedirmos a desfeita do sector lácteo". 

Medidas urxentes

Trátase de 5 puntos concretos a comezar por "asumirmos con claridade e deixar patente diante de calquera poder que o sector lácteo é estratéxico para a economía galega e que precisa a adopción de medidas excepcionais como se fixo con outros sectores da economía", sinalan. 

Aliás, defenden que se executen "medidas mínimas que amortezan os estragos que está a provocar" o actual contexto após a supresión das cotas lácteas e a correspondente "liberalización total de prezos e mercados". Neste senso, urxen cando menos a posta en andamento da Mesa do leite por parte da Xunta "con criterios non restritivos e coa máxima participación e transparencia, coa participación activa do Goberno Galego como catalizador dos acordos". 

Defenden a promoción dunha ILP que dea garantía legal ao cumprimento dos contratos asinados entre as explotacións e a industria

Así mesmo, instan a  "elaboración dun contrato homologado do leite de Galiza para o cal instamos ao Goberno Galego a tomar a iniciativa na elaboración 
dunha proposta de contrato que inclúan mecanismos de garantía para os e as produtoras". 

A seguir defenden a presentación dunha iniciativa lexislativa no Parlamento galego que, para alén de que puider ser rexistrada polas forzas políticas, podería ser impulsada pola Plataforma en defensa do sector lácteo para o que cumpriría a creación dunha comisión promotora e a recollida das sinaturas exixidas legalmente para tal fin. O obxectivo é que se dea garantía legal ao cumprimento dos contratos asinados. 

Desde a Fruga e o BNG propoñen que o Goberno galego e os organismos dependentes del promovan a preferencia pola "adquisición de produtos lácteos galegos naquelas actividades comerciais" nas que interveñan e por disponibilizaren os "instrumentos públicos, financeiros e administrativos" que permitan reforzar o papel industrial da Galiza no sector do leite, até o momento, denuncian, "irrelevante".