Fruga insta a Xunta a que declare como praga a velutina

Elías Somoza, coordenador da Federación Rural galega (Fruga) en Lugo, considera que a Xunta debe actuar e declarar como “pragas” a vespa velutina e o xabarín polos prexuízos e danos que están a causar.

 

En declaracións a Europa Press , Somoza critica que o goberno galego estea “a mirar para outro lado” no canto de facer fronte á situación e adoptar “medidas drásticas” para poñer couto ao problema.

 

A Xunta desenténdese da praga das vespas velutinas. Así o expresou a mediados deste mes a conselleira de Medio Rural Ángeles Vázquez, quen asegurou que a declaración de “praga non é competencia da consellaría nin do Goberno galego”. Vázquez apuntouse a unha táctica clásica nos executivos de Núñez Feixóo e afirmou que a resonsabilidade é da Moncloa.