Fruga advirte sobre os intentos de “desestabilizar” mercados e feiras de proximidade

Feira na Eira da Xoana

Considera que as denuncias de “fraudes no sector” feitas polo Consello regulador de agricultura ecolóxica de Galiza crean “confusión” nos produtores.

O comunicado do Consello regulador de agricultura ecolóxica (Craega) falando de “fraudes no sector” pola venda de produtos caseiros en feiras e mercados sen o selo do organismo, xerou “confusión” e “malestar” entre as e os produtores, segundo Fruga, a Federación Rural Galega. A organización agraria sitúa esa afirmación do Craega entre os “intentos de desestabilizar” feiras e mercados de proximidade. Feiras que nacen froito da demanda dos e das consumidoras de “produtos elaborados de maneira ecolóxica, local e sustentábel” comercializados diretamente polo produtor.

Fruga indica que nestes mercados de proximidade conviven sen problemas produtores certificados polo Craega e outros que non mais que “cumpren os requisitos, en moitos casos máis exixentes que os do Consello regulador”.

“Un funcionamento exclusivamente burocrático e unha inutilidade manifesta, mais alá da emisión e remisión de papeleo vario, fan do Cragea un instrumento inservíbel”. Afirma a Fruga,”coa única utilidade de “permitir” o uso do termo ecolóxico a cambio do pagamento das taxas correspondentes”. A Federación considera que o Consello cae nun “absoluto descoñecemento cando non desprezo pola actividade produtiva real, a que dá nova vida ao rural, a que prima intereses sociais por riba dos comerciais, a que aposta na soberanía alimentar do povo galego”.