Advírteo a Fruga

A gandaría galega non contribúe de maneira notábel á suba das emisións de gases de efecto invernadoiro

A Federación Rural Galega (Fruga) pon de manifesto que a ganadaría galega non contribuíu de maneira notábel ao acrecentamento de gases de efecto invernadoiro. O aumento por parte da actividade agropecuaria, sinala, ten relación co desmatamento de zonas como a Amazonia e ás prácticas intensivas.

É o sector enerxético e non o agropecuario quen máis incidencia ten na emisión de gases de efecto invernadoiro (GEI). Así o evidencia o informe de situación das emisións de CO2 no mundo para o ano 2015, da Fundación Empresa e Clima. En Europa, afirma a Fruga, o sector enerxético supón 75,2% do total de emisións de GEI. O seguinte sector que mais contribuíu é o da agricultura, co 9,9%.

A meirande parte das emisións provocadas pola actividade agropecuaria veñen derivadas da fermentación entérica coa produción de metano, un dos produtos finais da fermentación que sofren os alimentos nos ruminantes. 37,9% corresponden aos solos agrícolas (cultivar e labrar a terra), 15,3% corresponden á xestión de adubos; e 3,7% son ocasionadas pelo resto de actividades.

A influencia do censo galego de gando bovino no incremento de emisións de GEI resulta pouco considerábel

Atendendo a estas cifras, a Fruga expón os dados relativos a Galiza, que en 2002 contaba con 939.848 cabezas e en 2017, con 960.413. “Destes dados podemos deducir que a influencia do censo galego de gando bovino no incremento de emisións de GEI resulta pouco considerábel xa que a presenza deste tipo de animais na Galiza apenas ten sofrido mudanzas relevantes, movéndose ao longo dos últimos trinta anos ao redor das novecentas mil cabezas, algo ao que xa facía referencia o famoso título do libro de Manuel Rivas Un millón de vacas”, sinala a Fruga nunha nota de imprensa.

Superficie agraria

A respeito do cultivo da terra, Galiza conta cunha superficie agraria utilizada (SAU) escasa e en constante diminución. A Fruga apunta que “de 2007 a 2017 a SAU da Galiza reduciuse en 40.000 hs, e de nos fixar na superficie forraxeira a diminución foi de 12.500, e este dado aínda ten máis importancia, xa que este tipo de cultivos require a remoción das capas superficiais para a súa implantación, causa fundamental da emisión de GEI”.

A Federación Rural Galega cita o Painel Intergobenamental sobre Mudanzas Climáticas (IPCC), que asegura que a produción agropecuaria emite entre o 10 e o 12% dos GEI, mais “esta porcentaxe elévase a 20% de incluír as emisións devidas ás mudanzas de uso do solo, como o desmatamento da Amazonia e outras zonas de riqueza forestal a nivel mundial”. “Estímase que a actividade agropecuaria pode ser responsábel do 80% do desmatamento no mundo”, alerta a Fruga.

A Fruga pon o foco nos intereses especulativos da agroindustria

“A recente alarma mundial causada pelos grandes incendios da Amazonia confirman que grandes intereses especulativos da agroindustria, favorecidos polo goberno de extrema dereita dirixido por Jair Bolsonaro, están na orixe dos mesmos”, relata a entidade na nota de imprensa.