ASOCIACIóN DE ARMADORES DE ARTES MENORES DA GALIZA

"Ante os graves problemas do sector do mar, a Xunta limítase a facer o paripé "

José L. Rodríguez

Entrevistamos José Luis Rodríguez, presidente de Asoar-Armega, unha organización posta en marcha hai unha década por mariñeiros para defender o sector de baixura. Rodríguez vén de recibir o premio Osíxeno 2014 concedido por Adega polo seu compromiso coa pesca sostíbel. 

 

José Luis Rodríguez é mariñeiro e presidente de Asoar-Armega, unha asociación que naceu en 2005 porque, di, “nin administración nin confrarías representaban o sector da pesca artesanal”. O sector de artes menores supón na Galiza 3.972 embarcacións pesqueiras, segundo o propio censo da Consellaría do Mar. O presidente de Asoar-Armega vén de recibir estes días o premio Osíxeno 2014 que Adega lle concedeu “polo incansábel traballo e defensa das nosas costas e a prol da pesca sustentábel”.

- Cales foron os motivos que vos levaron hai dez anos a crear Asoar-Armega e cales foron os vosos principais eixos de traballo nesta década de existencia?

- Decidimos crear a asociación pola propia situación na que se atopaba este sector do mar. Non nos sentiamos representados nin polas administracións nin polas Confrarías. En non poucas ocasións a súa actitude perante os graves problemas e necesidades da pesca de baixura ou artesanal foi de facer o ‘paripé. Por iso botamos a andar Asoar-Armega, e fixémolo cunha idea clara: non andamos a pedir que nos poñan o prato na mesa. Durante estes dez anos centrámonos en varias liñas principais.

- Cales?

- Unha delas era entón relativamente novidosa no sector do mar, como era a de coidar aquelas zonas onde vivimos e traballamos, que o mariñeiro ten unha responsabilidade co ambiente. Ensinamos que o sector do mar podía colaborar e facer cousas conxuntas con colectivos cos que puido ter tiranteces, como os ecoloxistas. Campañas de limpeza de fondos, de coidado do entorno, traballar cos centros de ensino achegando os coñecementos nas nosas cousas... Nuns primeiros momentos recibimos críticas do propio sector, que se burlaba ou non entendía esas cousas.

"Botamos a andar Asoar-Armega cunha idea clara: non fixemos isto para andar a pedir que nos poñan o prato na mesa"

Outro dos eixos de traballo foi o da seguridade marítima, na que fomos pioneiros en facer exercicios ou simulacros marítimos para procurar a preparación dos mariñeiros nas súas embarcacións nestes aspectos. Fixemos esta actividade en diferentes portos de Galiza e funcionou moi ben... até que o goberno central decidiu non seguir colaborando.

E outra cuestión á que demos importancia foi a da prevención de riscos laborais porque non había moita publicación ou traballo a este respecto. Así que nos puxemos a facer publicacións sobre estes riscos nas diferentes artes de pesca, e non as fixemos desde unha oficina precisamente...

- Nestes anos tendes participado en diferentes campañas e iniciativas en colaboración con outras entidades e tedes tamén desenvolvido actuacións ante diferentes administracións, mesmo a nivel europeo.

- Na Unión Europea adóptanse moitas decisións con consecuencias directas no día a día da nosa actividade, por iso é importante estar presentes aí, que alí escoiten as nosas ideas, as nosas explicacións sobre o que é a pesca artesanal galega. Por iso fomos impulsores e participantes desde un principio da Plataforma europea de pescadores artesanales ‘Life’, na que hai entidades de 10 estados.

"A situación da frota de baixura galega é delicada, moi crítica. Levamos tres anos en queda libre"

- Cal é a situación actual do sector de baixura galego nun contexto de crise como o actual?

- A situación é delicada, moi crítica. Levamos tres anos en queda libre. Só hai que mirar os dados referentes ás descargas daquelas especies que traballa a frota artesanal. E ante esta realidade preocupante as administracións amosan un desinterese total e absoluto, non lles interesa que isto funcione porque os seus intereses están no mar coas grandes empresas e grandes frotas

- Aí entra a pesca industrial? Eurodeputados recoñeceron en Bruxelas perante a delegación do ‘xeito’ que tiña un poder moi grande. Cal é o seu peso e o seu, por dicilo así, poder en Galiza?

- Os gobernos están principalmente cos intereses das grandes frotas ao igual que están coas grandes empresas de acuicultura. Só hai que ver cando van a Bruxelas, que van a defender eses sectores, non a baixura precisamente. A pesca industrial ten poder, por iso decidimos facer Life, a plataforma europea que mencionei antes, para ter unha voz única entre os mariñeiros artesanais de diferentes estados ante unha problemática común.

"Por Galiza entra peixe e marisco de moitas partes do mundo que despois algunhas empresas galegas venden como se fose de aquí. Unha fraude"

- O sector da pesca artesanal tamén ten por diante unha serie de retos que non pode retrasar o facerlles fronte, non si?

- Para min o máis importante é o da sostibilidade do sector, que non está garantida. Mais para iso non abonda coa nosa intención, porque é preciso un cambio de políticas, unha aposta sincera e firme neste sector: para crear emprego. Mais tamén en cuestións como a fraude que se está a producir co consumidor.

- Unha fraude nos produtos?

- Por Galiza entra peixe e marisco de moitas partes do mundo que despois algunhas empresas galegas venden como se fose de aquí. E non o son. Acontece con pescada, con polbo, con camarón... e iso non se pode permitir, tanto porque é unha fraude ao consumidor, como pola competencia desleal para con nós, que ademais vemos como se vende como galego un produto que non o é, e é de peor calidade. Nós non dicimos que ese produto non se venda, o que pedimos ás administracións responsábeis é que se identifique cada cousa como o que é e que non se venda como galego o que non é.

"En maio de 2014 o goberno español sacaba unha nota de prensa na que se congratulaba de que a UE dese o paso de eliminar as redes á deriva. Nesa eliminación estaba o xeito"

- Falas das administracións, cal é a vosa experiencia nesta década?

- Que non lles interesa nada a pesca artesanal. Por iso precisamente fan as políticas que fan.

- Un exemplo diso sería o que sucedeu co ‘xeito’

- É unha mostra de desinterese, de desleixo das administracións... ou non, ou é unha mostra do que realmente pasa que é que non queren pesca artesanal. O goberno español recibiu en setembro de 2013 dous informes europeos para que os analizase, eran informes relativos ao proxecto de prohibir as redes á deriva. En maio de 2014 o goberno español sacaba unha nota de prensa na que se congratulaba de que a UE dese o paso de eliminar as redes á deriva. Daquela, por xullo, miramos esa proposta e vimos que a mesma afectaba o xeito. E así llo notificamos a Xunta e goberno central, ademais de mandar un escrito a Bruxelas para preguntar, se efectivamente, o xeito ía estar incluído na proposta de prohibición. En 10 días respondéronos da UE, confirmándonos o do xeito. De Xunta e Madrid non recibimos nin palabra. En setembro foi cando saíu á luz que a prohibición afectaba a esta arte.