Fronte común ambientalista para evitar que Galiza sexa “territorio de sacrificio”

Coloquio posterior ao documental no Teatro Principal de Santiago (2)

Máis de 300 persoas asisten á proxección do documental ‘Redes contra a política do espolio’, dirixido por Xosé A. Bocixa.

O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolleu o coloquio e proxección do documental Redes contra a política do espolio. Aire, auga e terra limpas, dirixido por Xosé Antón Bocixa Rei e coa participación de Nós TV. Un acto que serviu de escenificación da unión de nove plataformas ambientais que levan tempo loitando na defensa do territorio e contra diferentes agresións empresariais no rural e ante a desprotección e falta de control por parte das ddministracións.

 

“Trátase dun problema de contaminación xeral, pero tamén de saúde e de vida, as administracións públicas teñen que deixar de ser cómplices das empresas depredadoras na nosa terra”, denuncian desde a Rede, que reclama unha intervención urxente para que Galiza deixe de ser “territorio de sacrificio”.

 

A Rede de Plataformas Compostela-Ulla-Tambre está formada pola Plataforma veciñal Mina Touro-O Pino Non, Plataforma pola Recuperación do Río Sar, Plataforma Casalonga limpa de residuos, Plataforma de afectados polo vertedoiro de Santiago-Miramontes, Non aos parques eólicos na comarca de Ordes, Plataforma de afectados pola destilería de Contimunde, Comisión de seguimento da minaría e defensa do rural Mesía-Frades, Asociación de afectados polo vertedoiro de Lesta, Plataforma Salvemos as fragas de Catasós.

 

O documental presentado na capital galega continuará o seu percorrido por salas e centros de toda Galiza.