RETOMOU O SEU RUMO CARA A ROTTERDAM

O “Front Serenade”, un gran petroleiro, estivo á deriva na Costa da Morte

Localización do petroleiro ás 9:53

[ACTUALIZADA ÁS 12H] Na tarde deste sábado o “Front Serenade”, un petroleiro cunha dimensión tres veces maior que o “Prestige”, estivo á deriva fronte ao faro de Lariño, en Carnota. O buque retomou o seu rumo seguido de perto do remolcador Don Inda.

Na noite de onte os habitantes de Carnota tiveron coñecemento de que un petroleiro, do que só se sabía que contaba con bandeira de Liberia, estaba á deriva nunha zona próxima ao faro de Lariño. A falta noticias e de dados oficiais preocupou a Costa da Morte, onde sobrevoaba a pantasma do “Prestige”.

Segundo publica La Voz de Galicia o buque ficaría a unhas nove millas dos baixos dos Meixidos cara a onde iniciou unha perigosa aproximación. O remolcador Don Inda, con base en Cee, achegouse ao petroleiro, aínda que non foi necesario o remolque. 

Europa Press, citando fontes de Salvamento Marítimo, sinalou que "a última hora da tarde" o buque pediu autorización para "achegarse algo a terra" e poder recuperar metros da áncora. O Don Inda supervisou a manobra cando o "Front Serenade" se aproximou a 18 millas de cabo Corrubedo. O problema foi solucionado ás 23h.

O portal web www.marinetraffic.com informa que o petroleiro con porto base en Monrovia data de 2002, ten 330 metros de eslora e conta con 300.000 toneladas, é dicir, é tres veces maior que o “Prestige”. Segundo esta web de información marítima, prevese que o buque chegue a Rotterdam ás 15h do día de hoxe. No momento da edición desta noticia atopábase na latitude 43.8523º e na lonxitude -9-422267º.