O frío modérase agás no sueste do país, con Calvos de Randín de novo á cabeza (-7,7ºC)

A comarca da Limia fica á cabeza das baixas temperaturas. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
As comarcas da Limia e Viana rexistraron temperaturas inferiores a 6 graos baixo cero.

As baixas temperaturas no interior galego moderáronse na madrugada desta quinta feira en comparación con días anteriores. No entanto, algúns puntos concretos do sueste do país, aínda en alerta amarela, volveron rexistrar valores por baixo dos 6 graos negativos.

De novo Calvos de Randín (comarca da Limia) notificou a marca da xornada con -7,7ºC, contra as 7.50 horas da mañá, de acordo cos valores extremos de Meteogalicia. Porén, queda lonxe dos -10ºC rexistrados da madrugada da terza feira.

Entre tanto, en Verín (ídem), concretamente na estación meteorolóxica de Vilela, houbo -6,3ºC ás 9 horas. O seguinte valor máis baixo foron os -4,2ºC de Viana do Bolo (Viana), ás 9.20 horas.

Noutros lugares do territorio galego as xeadas tamén se deixaron sentir, como é o caso de Lalín (Deza), cuxa estación de Mouriscade marcou ás 5.40 horas 3,5 graos baixo cero, a mesma temperatura que había nos medidores de Olveda, en Antas de Ulla (A Ulloa) ás 8.20 horas.

Esta quinta feira a Galiza continuará baixo a influencia anticiclónica, que deixará tempo seco e ceos despexados en xeral fóra de néboas matinais en puntos do interior. As temperaturas, como xa ocorreu durante a noite, poderían experimentar lixeiros ascensos.

O vento soprará de compoñente leste e será frouxo en terra e moderado no mar, agás no litoral norte do país, onde os intervalos poderán ser máis fortes.