Fred Martins e un IES de Teo reivindican o carácter internacional da nosa lingua

A segunda edición do Cantos na Maré para escolares carga as pilas contra a LOMCE, unha norma "centralizadora negadora da realidade plurilingüística e pluricultural" que ataca directamente o galego. Procura tamén fuxir do currículo oficial para achegar ao alumnado nomes da lusofonía como Pessoa, Florbela Espanca ou o Zeca Afonso


Os Cantos da Maré para escolares volven resoar no IES de Cacheiras, no municipio de Teo. Nunha tentativa de conxugar as posibilidades lúdicas que ofrece a música coa reivindicación da lingua propia, por segundo ano consecutivo esta sexta feira promóvese este reencontro na lusofonía ao que porá voz o cantor e compositor de bossa nova e samba Fred Martins. Aliás, o alumnado dará leitura a poemas de Pessoa, Florbela Espanca ou o Zeca Afonso.

"Tratamos de abrangues xustamente aqueles aspectos que o currículo oficial marxina, na procura dun alumnado crítico, coñecedor de realidades diferentes, mais moi próximas ás que case nunca pode acceder". Puri Cabido, vicedirectora do instituto de Cacheiras, explica que a iniciativa procura rachar "co ensino mercantilizado". 

A equipa directiva e a equipa de Normalización lingüística do centro público "coincidimos na necesidade de divulgar entre nós os referentes musicais e culturais da lusofonía" pois tal achegamento "remata por conseguir que sintan a proximidade linguística que nos une e isto reverte na difusión da propia utilidade do galego". 

Esta iniciativa fai parte do "compromiso" que Puri Cabido reclama por parte dos centros de ensino para se revolveren contra a LOMCE, unha norma que cualifica de "centralizadora e negadora da realidade plurilingüística e pluricultural" do Estado español, exixindo máis traballo aínda para reivindicar recoñecemento para o galego. Así que, en Cacheiras, toca festexar o orgullo de sermos galeg@s e que a nosa lingua é internacional.