Frea o descenso de novos contaxios e mantense a presión asistencial

Dispositivo para a detección de positivos asintomáticos entre a poboación moza o pasado mes de xullo (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
O total de casos activos baixa a 12.119 e sobe levemente o número de persoas hospitalizadas malia se reducir en tres as doentes en UCI.

As cifras que marcan a ecolución da pandemia na Galiza confirman un novo descenso da incidencia acumulada da Covid en todo territorio. Porén, os datos apuntan unha lixeira suba dos novos positivos, por segundo día consecutivo.

Segundo o último balance publicado pola Consellaría de Sanidade, Galiza suma 613, dos cales, A Coruña suma 173; Vigo, 159; Santiago, 65; Lugo, 63; Ferrol, 57; Ourense, 53, e Pontevedra, 43. Con todo, só A Coruña, Vigo e Ferrol rexistran máis casos novos que o último día.

Aínda así, o número de casos activos continúa en descenso e redúcese tamén a presión nas Unidades de Coidados Intensivos, con tres pacientes menos. Caen de 63 a 60 os doentes críticos, mentres que o número de pacientes ingresados en unidades convencionais de hospitalización, soben de 259 a 264.

Casos activos

Con respecto aos casos activos, descenderon en todas as áreas sanitarias. En total hai 12.119 persoas na Galiza con infección activa polo coronavirus. A Coruña segue á cabeza con máis pacientes Covid, 3.840 casos (189 menos); seguida por Vigo, con 2.985 casos (149 menos). Na área de Lugo hai 1.287 casos activos (57 menos); na de Pontevedra, 1.211 casos (84 menos); na área de Santiago, 1.203 casos (56 menos); na Ferrol, 853 casos (25 menos); e na Ourense hai 740 persoas cunha PCR positiva (51 menos).

Residencias de maiores

Nos centros da terceira idade, as consellarías de Sanidade e Política Social confirman un total de 101 casos activos entre as usuarias de nove residencias afectadas pola Covid, tras sumar 11 novos positivos e restar 13 altas. A das Gándaras, en Lugo, segue a liderar a lista de contaxios, con 50 usuarias afectadas, seguida da residencia García Hermanos de betanzos con 28.

Os centros de atención á discapacidade rexistran 57 usuarias coa infección activa polo SARS-CoV-2, sen cambios a respecto de días anteriores.

Incidencia acumulada

A incidencia da Covid descende. Baixa en todas as áreas sanitarias a sete e 14 días, un descenso xeral que sitúa a incidencia media na contorna dos 162 casos a sete días e dos 389 a 14 días.

Por grupos de idade, os últimos datos actualizados polo Ministerio de Sanidade manteñen o colectivo de entre 12 e 29 anos como o máis castigado pola Covid, cunha incidencia acumulada que se achega acada vez máis aos 1.000 casos por cada 100.000 habitantes despois de superar os 1.700.

Entre as persoas maiores de 60 anos, as de máis de 80 teñen a incidencia máis alta, con 244 casos.

Falecementos

Desde o inicio da pandemia, faleceron 2.529 persoas. Os últimos decesos comunicados por Sanidade son os dunha muller de 85 anos de idade que morreu na residencia de maiores de Ribadeo, un home de 88 anos que estaba ingresado en Povisa, outro home de 83 anos que faleceu no hospital de Verín e que procedía da residencia Val de Monterrei, un home de 93 que estaba ingresado no Hospital de Monforte, e unha muller de 89 anos de idade, que estaba no Hospital de Burela.