Coronavirus Galiza: Frea o descenso de casos activos e aumenta a hospitalización convencional

Medicina Interna e Pneumoloxía son as plantas de hospitalización de referencia para o coronavirus.
Os novos contaxios caen a respecto do último reconto e sitúanse no limiar dos 6.000

A evolución da Covid na Galiza segue marcada polo vaivén de cifras. Lixeiras variacións nos principais indicadores da pandemia que, de momento, non afectan á fase de estabilidade na que se atopa o conxunto do territorio.

Segundo o último balance facilitado pola Consellaría de Sanidade esta quinta feira a tendencia descendente dos casos activos muda. Despois de varias xornadas volven aumentar as infeccións. Tamén soben as hospitalizacións, mais minguan os novos contaxios.

Con datos até as 18 horas desta cuarta feira, na Galiza hai 66.364 persoas co infección activa polo coronavirus SARS-CoV-2, 645 doentes ingresados e 6.026 novos contaxios declarados.

Sanidade informa que dos 645 pacientes hospitalizados, 16 máis que a xornada anterior, 48 recupéranse en unidades de coidados intensivos, as mesmas que un día antes, e 597 noutras áreas de ingreso. En total, a ocupación de camas Covid, supera en máis de medio cento as de hai unha semana.

Presión hospitalaria

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase nas de Vigo e Ferrol; aumenta nas da Coruña, Santiago, Lugo e Pontevedra e mantense na de Ourense.

Na área de Vigo, seguen oito pacientes Covid en UCI e descenden a 81 os ingresados noutras unidades -cinco menos-; mentres que na de Ferrol, aínda que aumentan a dúas o críticos -un máis-, descenden a 37 os doutras unidades -seis menos-.

No caso da de Ourense mantéñense seis pacientes ingresados por este coronavirus en UCI e 72 noutras unidades de hospitalización. Na de Santiago seguen sete en críticos, pero soben a 100 os doutras unidades -tres máis-.

Pola súa banda, na área da Coruña continúan 11 pacientes Covid en UCI e aumentan a 151 os ingresados noutras unidades -nove máis-. Na de Lugo seguen sete en críticos e increméntanse a 66 os doutras unidades -nove máis-.

Na área de Pontevedra, aínda que descenden a sete os pacientes hospitalizados en UCI -un menos-, aumentan a 90 os ingresados noutras unidades -seis máis-.

Casos activos

Tras cinco días consecutivos de caídas, os casos activos anotan unha suba e volven superar a barreira dos 66.000.
Por áreas sanitarias, os casos activos descenden só en dúas: nas de Pontevedra (-84) e Vigo (-25); mentres que aumentan no resto: A Coruña (+261), Santiago (+131), Lugo (+100), Ferrol (+94) e Ourense (+46).

Con máis casos activos mantense a área sanitaria de Vigo, con 17.313; seguida da da Coruña, con 14.402; Santiago, con 10.289; Pontevedra, con 7.627; Ourense, con 6.813; Lugo, con 6.710; e Ferrol, con 3.210.

Segundo os últimos datos actualizados polo Ministerio de Sanidade, a incidencia acumulada a 14 días segue decae na Galiza até situarse en 2.941,56 casos por 100.000 habitantes, fronte aos 3.194,67 da media estatal.

Descenden os contaxios

Após dúas xornadas de suba, os novos contaxios de Covid-19 descenden no conxunto da Galiza até os 6.029, que supoñen 976 menos que o último día.

Así, desde o inicio desta pandemia ascenden a 399.097 as persoas contaxiadas por coronavirus.

Falecementos

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia na Galiza aumentan a 2.902, tras notificar a Sanidade cinco novos óbitos. As cinco mortes producíronse o pasado 25 de xaneiro e todos contaban con patoloxías previas.