20 anos do 'Prestige'

Dos "pequenos fíos de plastilina" ao "hai que bombardear o barco": dez frases para a historia sobre a traxedia do 'Prestige'

Mariano Raxoi, daquela portavoz do Goberno español, cando pronunciou a súa frase sobre os "pequenos fíos de plastilina" do 'Prestige'. (Foto: RTVE)
Mariano Raxoi, Francisco Álvarez-Cascos, Federico Trillo ou Manuel Fraga deixaron palabras para o recordo durante os días máis críticos do sinistro do buque fronte ás costas galegas.

Esta semana fai 20 anos o tráxico accidente do buque Prestige, afundido o 19 de novembro logo de seis días de travesía marítima vertendo fuel. Naqueles días, marcados inicialmente pola incerteza sobre o que estaba a acontecer e mais as súas consecuencias, diferentes persoeiros do eido da política deixaron unha multitude de frases que o pobo galego aínda non esqueceu.

  1. "O fuel non chegará á costa"
  2. "Pequenos fíos de plastilina"
  3. "Non hai marea negra"
  4. "Evitouse a catástrofe"
  5. "A tomar polo cú" [sic]
  6. "A touro pasado todos acertamos"
  7. "Bombardear" o Prestige
  8. Chapapote 'para todos'
  9. "Bañarei como en Palomares"
  10. "O combustíbel non se verterá"

"O fuel non chegará á costa"

O delegado do Goberno español na Galiza naquela altura, Arsenio Fernández de Mesa, de quen se dicía que confundía meridianos con paralelos nos mapas, dixo nunha polémica intervención televisada que, "probabelmente, o fuel non toque a costa galega".

Fernández de Mesa tamén asegurara neses días posteriores ao accidente do barco que "as mareas afastarán o petróleo das nosas costas", así como que "o destino do fuel no fondo do mar é converterse en lastra".

"Pequenos fíos de plastilina"

Posibelmente as palabras máis lembradas para moitas e moitos galegos daqueles tristes días foran as enunciadas o mesmo 13 de novembro de 2002 polo vicepresidente e portavoz do Executivo estatal, Mariano Raxoi: "Saen [do Prestige] uns pequenos fíos, catro en concreto. Son regueiros solidificados con aspecto de plastilina".

"Non hai marea negra"

Na mesma liña que Raxoi, o entón director xeral da Mariña Mercante, José Luis López Sors, negara o 17 de novembro a existencia dunha 'marea negra': "Non se pode falar diso, son manchas negras e dispersas".

"Evitouse a catástrofe"

O silencio imperou no Goberno de José María Aznar, cuxo ministro de Agricultura e Pesca, Miguel Arias Cañete, asegurou o día 17, cando o barco levaba perto dunha semana vertendo toneladas de fuel ao mar: "Afortunadamente, a rápida intervención das autoridades españolas afastando o barco das costas permitiu que non teñamos unha catástrofe ecolóxica, nin grandes problemas para os recursos pesqueiros".

"A tomar polo cú" [sic]

Afastar o barco da costa fora, precisamente, a principal consigna dos gobernos galego e español, e nesa decisión enmárcase unha frase atribuída ao daquela ministro de Fomento, Francisco Álvarez-Cascos, nun contexto informal: "Hai que mandar o barco a tomar polo cú" [sic], ou a variante "ao quinto pino" [en español].

"A touro pasado todos acertamos"

O propio ministro Álvarez-Cascos, criticado unha semana despois do afundimento por defender unha decisión contraria aos estudos técnicos e científicos, saíu ao paso cunha frase concisa e esquiva: "A touro pasado todos acertamos por que lado se tira o penalti".

"Bombardear" o Prestige

Federico Trillo, coñecido polo seu "Viva Honduras" cando desembarcou en El Salvador, entón ministro de Defensa, mobilizara as Forzas Armadas para preparar un posíbel "bombardeo" ao barco co obxectivo de "consumir o petróleo", algo que desaconsellaron de inmediato as persoas expertas.

Chapapote 'para todos'

Procurando defender a tese oficial de afastar o cargueiro das costas galegas, o conselleiro de Pesca da Xunta, Henrique López Veiga, propuxera 'repartir' o chapapote entre outros países como Francia ou Portugal, entendendo que "polo menos tocoulle un pouco de chapapote a todos". Recentemente dixo que era preferíbel "un pouco de chapapote para todos" que "todo o chapapote para os galegos".

López Veiga tamén afirmara ante os medios e a cidadanía galega, antes de que o Prestige iniciase a súa dramática viaxe final cara ao fondo do mar, que "todo o fuel derramado que tiña que chegar á costa xa chegou", unha declaración que tornou en falsa ás poucas horas. Durante semanas o chapapote seguiu arribando á Galiza.

"Bañarei como en Palomares"

Unha vez afundido o buque e oito días despois do sinistro, o presidente da Xunta, Manuel Fraga, visitou por vez primeira a zona afectada, logo dunha polémica ausencia por asistir a unha cazaría. Malia todo, falou con sorna do asunto. "Se fai falta, volvo bañar como en Palomares. Bótolle o que sexa necesario, pero se cadra, se me meto no mar, o que consigo é un catarro e non podo traballar, mánchome un pouco e non aparto a marea", dixo.

O 15 de novembro, aliás, Manuel Fraga unírase aos seus compañeiros de fila en San Caetano e Moncloa e asegurara sen titubeos: "Xa pasou o perigo máis grave". E tamén se encomendara a forzas divinas: "Estou onde teño que estar. Deus e Santiago vannos axudar".

"O combustíbel non se verterá"

O 24 de novembro, o propio Raxoi afirmara: "A unha profundidade de 3.500 metros e a dous graos de temperatura, o fuel estaría nun estado sólido, polo que, en principio, o combustíbel non se verterá". O 7 de decembro, co Prestige xa afundido, Mariano Raxoi apuntara que "a popa está mellor que a proa, só ten un par de pequenas fendas". Só dous días despois volveu recuar e explicou que o barco perdía "unhas 125 toneladas ao día polas súas 14 fendas".