As franxas horarias desaparecerán coa Fase 2 agás para grupos vulnerábeis

Cans, e paseantes sobre a area de Riazor, na Coruña, un 2 de maio, primeiro día no que se permitiron paseos (Imaxe: Arxina).

Fernando Simón confirma a eliminación das franxas horarias establecidas para regular as saídas á rúa, aínda que se manterá unha para grupos como as persoas anciás. O ministro de Sanidade, Salvador Illa, aberto a "flexibilizar" as restricións para a capacidade en bares e tendas. 

Adeus ás franxas horarias para regular a saída ordenada á rúa durante o estado de alarma. Así o confirmou o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, quen explicou que desaparecerán na Fase 2 do plan de desconfinamento.

Porén, engadiu, manterase unha franxa exclusiva para "grupos vulnerábeis".

En concreto, como sinalou Simon na súa comparecencia diaria para dar conta dos datos sobre a COVID-19, esta franxa estaría relacionada coas persoas anciás. Algo que as comunidades autónomas ou os concellos terán que delimitar, apuntou.

Esta novidade, a eliminación a partir da vindeira segunda feira das franxas establecidas para regular as saídas á rúa e para practicar deporte, fora avanzada horas antes polo ministro de Sanidade, Salvador Illa, no Congreso.

Fíxoo en resposta ao PNV, que na súa solicitude de pasar a vindeira segunda feira á Fase 2 pediu a eliminación destes horarios. "Teñen razón", concedeu o ministro ao deputado nacionalista Joseba Agirretxea.

Illa tamén sinalou que están a valorar flexibilizar as restricións á capacidade para bares, restaurantes e tendas do 40% previsto ao 50%. Mais, apuntou, "algunha marxe ten que haber ", dixo Illa