Os Franco piden pospoñer a entrega de Meirás e "polo menos dous meses" para retirar os bens

(Foto: M. Dylan / Europa Press)

Solicitan ao xulgado que se aplique este prazo unha vez conclúa o inventario.

A familia Franco solicitou ao Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña que se pospoña a data do 10 de decembro fixada para a entrega do pazo de Meirás, así como "polo menos dous meses" para retirar os bens desde que finalice o inventario.

Fixérono nun escrito remitido ao xulgado en relación á decisión do seu titular de proceder á execución provisional da sentenza pola que se lles condenou á devolución do pazo, unha medida á que os Franco avanzaron que non se opoñerían, de forma "provisional" e á espera de que se resolva o seu recurso ante a Audiencia Provincial da Coruña.

Agora, a súa representación legal sostén que os familiares do ditador venSE "obrigados a entregar un inmóbel de considerábeis dimensións e en cuxo interior hai unha gran cantidade de 'cousas' (bens mobles)" que, lembra, non figuraban na sentenza.

Así, inciden en que o fallo, tras a demanda interposta pola Avogacía do Estado, "circunscribiuse ás leiras ou inmóbeis reivindicados". "Sen facerse extensiva nin incluír ningunha sorte de referencia ás cousas ou bens móbeis que houbese -e hai- no seu interior".

Ademais de cualificar a data do 10 de decembro como un prazo "notoriamente exiguo", reclaman deixar sen efecto a mesma despois de que o xulgado adoptase unhas medidas cautelares para proceder ao inventario dos bens. Nelas, impídese aos Franco sacar bens ata que o xulgado o autorice.

Tras a visita feita pola comitiva xudicial, os técnicos de Patrimonio e os letrados ao inmóbel o pasado 11 de novembro, o xulgado acordou tamén dar un prazo de 20 días naturais, ampliábel, para efectuar o inventario co material de imaxes e vídeos solicitado.