Os Franco negan o espolio de Meirás na súa querela contra os militantes do Bloque

Pazo de Meirás

A do Pazo de Meirás non foi unha doazón voluntaria, a súa incorporación ao patrimonio do ditador Francisco Franco e da súa familia foi produto dun botín de guerra. Iso é o que se desprende do informe xurídico encarregado no seu momento pola Deputación da Coruña, segundo o cal a transmisión de inmóbel e da finca adxacente se realizou por meio dunha "compraventa ficticia". Agora os Franco imputan un delito de delito contra o honor aos militantes nacionalistas que penduraron no Pazo unha faixa cunha lenda en que se lía: "Franquismo Nunca Máis. Que nos devolvan o roubado".

As elites coruñesas adictas ao golpe fascista de 1936 orquestraron unha recollida forzosa de fondos -mesmo con descontos sobre as nóminas das e dos funcionarios- para oferecer o inmóbel ao ditador. Foi -como teñen demostrado o investigador Carlos Babío Urquidi e o historiador Manuel Pérez Lorenzo- un espolio en toda regra, consumado manu militari. Daí que os activistas que o 30 de agosto ocuparon pacificamente o pazo -nun día de visitas aberto ao público- despregasen unha faixa en que aludían directamente ao latrocinio -"Franquismo Nunca Máis. Que nos devolvan o roubado"- e á necesidade da reintegración do imóbel ao patrimonio público.

 

A existencia desa faixa é a que empurra os familiares de Franco e a fundación que leva o nome do tirano a atribuír un delito contra o honor aos militantes nacionalistas. "Evidentemente constitúe un delito contra o honor, pola imputación dun delito feita con coñecimento da súa falsidade ou temerario desprezo da verdade", afirman no texto da querela, á que tivo acceso Sermos. O pretenso delito tería sido perpetrado "con clara premeditación, pois a confección e impresión das faixas despregadas non se realizou de forma improvisada, senón cunha preparación previa empregando técnicas xerográficas que implican tempo para a súa edición e polo seu tamaño, considerábel custo económico; co agravante engadido de o facer coa vontade de causar o maior dano posíbel por meio da súa difusión pública, para o que foron convocados diferentes meios de comunicación que fixeron múltiples publicacións", alegan.

 

Contra toda a evidencia disponíbel, os Franco negan, por tanto, o espolio e reclaman a plena lexitimidade da adquisición do Pazo. Porén, no informe xurídico encarregado pola Deputación da Coruña se estabelece con clareza como o imóbel, unha vez espoliado coa recolecta forzosa, foi escriturado a nome do ditador en 1941 por meio dunha "compravenda ficticia", co obxectivo de impedir a súa adscrición ao patrimonio público. Foi unha fraude a suposta compra de 1941 porque Franco xa era o propietario do pazo desde 1938. Dúas veces roubado.

 

Na denuncia impútanse catro ilícitos penais aos militantes nacionalistas. Alén do delito de honor, os de violación de morada, danos e odio. Os Franco piden a imposición de penas de prisión que sumarían até 247 anos e o pagamento de multas por un importe conxunto que podería ascender a 500 mil euros.

 

A respeito da violación da morada, na querela descrébese o acceso ao pazo das persoas denunciadas como un "asalto" que se tería perpetrado mesmo mediante o forzamento dun dos portóns da fortaleza. O relato non se compadece co testemuño oferecido polos militantes do BNG e co feito de que ese día o inmóbel estaba aberto ao público (e por tanto non compría asaltar nada). Alegan os querelantes que o gardés da finca chamou por telefone á Garda Civil "co lóxico e evidente temor pola súa integridade persoal". Mais, como testemuñan as e os xornalistas presentes no acto, este desenvolveuse por vieiros absolutamente pacíficos, sen que se producise o menor incidente.