"Franco, devolve o roubado!"

Caracterizacións de Filipe VI, Carmen Polo, Franco e Barrié de la Maza. Imaxe: @xlmartinez

Reivindicación e ironía presiden a marcha cívica que este sábado decorreu na Coruña para reclamar a devolución ao pobo de bens como a Casa de Cornide ou o Pazo de Meirás, en mans da familia Franco. Non faltaron ao acto nin o Caudillo, nin o monarca español, para alén de coruñeses representativos do anterior réxime.

O dictador Francisco Franco e a súa dona Carmen Polo, o monarca español Filipe VI, o alcalde franquista Alfonso Molina e o empresario tan querido polo réxime Pedro Barrié de la Maza. Todos esles estiveron este sábado na Coruña para desfilar polas súas rúas e lembrar a coruñeses e coruñesas que, após 40 anos da fin do franquismo, na realidade da cidade aínda fican pegadas vivas daquel réxime. Como, por exemplo, a Casa de Cornide, un ben aínda en mans da familia Franco.

 

Estas 'personaxes' participaron na Marcha Cívica convocada por Defensa do Común e que tivo o apoio de diferentes colectivos e plataformas. Reivindicación, tratro, ironía... todo iso estivo presente no protesto, que saíu da Praza de María Pita acompañado de varias ducias de persoas. De alí foron até a Casa de Cornide, onde reclamaron a súa devolución. Entre as persoas asistentes, Francisco Jorquera, candidato do BNG ás municipais de 2019. 

 

"Coñecida a presenza na cidade da esposa do Xeneralísimo, o gremio de xoiaría anunciou que pecharán todos os establecementos durante esta fin de semana", comunicaban con sorna os convocantes do acto, que tamén inqueriron ao monarca español para saber se vai retirar, "o mesmo que fixo coa súa irmá a infanta Cristina e Urdangarín, os títulos nobiliarios concedidos polo ditador Franco e polo rei Juan Carlos a golpistas e criminais?".

 

A Casa de Cornide, un edificio do século XVIII de estilo barroco e situado en plena cidade vella coruñesa, tivo a mala sorte de ser vista por Carmen Polo, a quen se lle antollou. E desde ese momento, a máquina do franquismo, púxose a funcionar. Así, 6 de xullo de 1962 anunciouse no BOP a poxa. Acudiron só dúas persoas, o subxefe do Movemento na Coruña e Barrié de la Maza. Gañou a poxa Barrié por 305.000 pesetas. E cando asinou as escrituras, o 3 de agosto, especificou que a casa se transmitía a Carmen Polo.

 

Imaxes: @xlmartinez e @sircivcmb9