Francisco Vázquez Vizoso, médico: “No xuízo ten que quedar claro que houbo xente responsábel do desastre medioambiental”

Francisco Vázquez Vizoso
Médico da sección de CIG-Saúde, en 2002 formou parte da xestora e d@s sanitari@s de Nunca Máis que se formou días despois da catástrofe. Entre as súas lembranzas está a reacción de dignidade por parte da xente diante da incompetencia das autoridades.

 

Que lembra daqueles primeiros días despois do afundimento do Prestige?

Foi algo moi intenso. Foi un certo “revolcón” vital. Cando xorde o do Prestige eu levaba case vinte anos de actividade profesional moi intensa despois duns anos universitarios de certo activismo social que foi mesmo como se retornaran. Para min significou un revulsivo a través do que se chamou “Os sanitarios de Nunca Máis”. Sabiamos que un número importante de xente estaba exposta ao contacto con hidrocarburos e podía ser perigoso, ademais da catástrofe medioambiental en si. Mesmo asinamos un documento sobre esta situación que ocupou dúas páxinas nun xornal.

Significou a reacción de dignidade por parte da xente diante dunha xestión que converteu un desastre nunha catástrofe pola desastrosa acción das autoridades políticas

Daquela falouse dese perigo para as voluntarias e voluntarios. Hoxe sabemos algo máis?

Así como daquela traballaba en temas de toxicoloxía, levo oito anos fóra deles polo que non fixen un seguimentos dos estudos que se fixeron. Sei, iso si, dalgún informe que fala da presenza de alteracións cromosómicas mais sen estar de todo esclarecidos os resultados .

Ademais da perspectiva médica como viviu aqueles días de indignación?

Incorporámonos a Nunca Máis. Eu, a nivel persoal, estiven na xestora da Plataforma e vivín desde dentro as importantísimas manifestacións que se fixeron. O Prestige foi, para unha xeración máis nova ca min, unha experiencia vital moi importante. Significou a reacción de dignidade por parte da xente diante dunha xestión que converteu un desastre nunha catástrofe pola desastrosa acción das autoridades políticas.

Despois a Plataforma Nunca Máis foi evolucionando...

Tivo o seu momento importante nos meses seguintes e ao ano da catástrofe. As manifestacións dos paraugas, a de Madrid, foron unha toma de conciencia por parte dos galegos. Logo este movemento evolucionou noutras etapas con prioridades que apareceron despois no país. Agora vivimos un retorno pola celebración do xuízo do Prestige onde agardamos que quede establecido que non haxa impunidade. Nestes momentos penso que ten que quedar claro que houbo xente responsábel de converter o que era un accidente nun desastre medioambiental.