PENSAR A GALIZA POS-COVID.

Francisco Sampedro: “O medo, e non a violencia, é a gran ferramenta empregada na actualidade para oprimir as clases traballadoras”

Francisco Sampedro
Francisco Sampedro é un referente no pensamento galego contemporáneo. A el debémoslle análises atinadas da filosofía de, entre outros, Althusser, Badiou ou Vattimo e de análises culturais da obra de Vicente Risco ou Rafael Dieste. Nesta conversa, tratamos de dilucidar con el cal é o papel da filosofía na construción desa "nova realidade" que se albisca tras a pandemia e cales son as características básicas do pensamento social que construirá ese novo mundo ameazado polo virus. 

Cre que realmente vai haber un mundo poscovid? Que papel ten a filosofía na construción desa "nova realidade"?

Eu estou completamente convencido de que haberá cambios de gran calado. A filosofía vai sempre atrasada a respecto da realidade, mais iso non é un defecto, é un deber. Hai que lembrar esa frase célebre de Hegel de "a filosofía é como a curuxa de Minerva, que levanta o voo ao solpor", ou sexa, cando o día xa pasou, cando –di literalmente en alemán– "todas as vacas son negras". Zizek afirma a respecto da pandemia unha frase moi afortunada: "agora non precisamos filosofía, senón ciencia". Si, correcto, mais esta pandemia tamén precisa de filosofía, porque apela a tres conceptos básicos que son obxecto da filosofía: a terra, a nosa relación co planeta; a sociedade, os vínculos sociais; e a morte, o final da existencia. Son tres temas da filosofía desde que se inaugurou.

A filosofía, por outra banda, séntese interpelada pola Covid en tanto que a obriga a situarse na realidade, a pór os pés na terra. Era necesario acabar co exceso de especulación na filosofía. Nos últimos tempos, esa especulación dominaba unha boa parte do panorama e esta pandemia obríganos a enfrontarnos cos problemas reais e apremantes cos que nos enfrontamos. Por unha banda, hai que apartar a filosofía do poema, unha herdanza que vén de Heidegger e da que se estaba abusando de forma extrema: moitos filósofos estaban cultivando o que non é senón un xénero literario. A Covid, agora, mostra a desconexión coa realidade deses discursos e impúlsanos a ocuparnos do urxente: como dicía Kant, a filosofía é un campo de batalla e correspóndelle abordar estas situacións apartándonos das falsidades. No outro extremo, é necesario denunciar eses discursos que se achegan perigosamente á autoaxuda e que, baixo o disfrace de filosofía, non fan máis que repetir verdades de Perogrullo. Dous expoñentes destas dúas tendencias opostas serían Byung Chul Han e Jose Antonio Marina. Ao meu parecer, é urxente desenmascarar estas tendencias.

Debe guiar, xa que logo, o pensamento que nos axude á construción desa nova realidade non exenta de perigos.

A filosofía ten o papel fundamental, desde Platón, de establecer unha liña de demarcación entre a doxa e a episteme, entre a opinión común e o que podemos chamar, con conciencia, pensamento. A filosofía, como quería Althusser, debe cumprir ese papel de aduaneiro: non deixar pasar cousas de contrabando. Quen non escoita hoxe nun bar opinións como as de "Non nos podemos confinar de novo porque a economía non o resistiría". Pero que economía? A túa? Non. Está falando unha persoa á que se lle obrigou a pensar que os traballadores viven do capital e non do seu traballo, nunha sociedade na que se impuxo o pensamento o que é do amo é o importante. E o mesmo sucede coas posturas negacionistas, que sempre teñen a mesma orixe: o ámbito das clases privilexiadas. A filosofía ten o deber de desmontar ese tipo de ilusións.

Desde ese punto de vista, unha preocupación que se xerou desde o principio da pandemia é a do prestixio que adquiren as solucións autoritarias, que o medo nos leve a aceptar cousas que en circunstancias normais considerariamos inaceptábeis.

Non cabe dúbida de que, politicamente, o virus serve como unha escusa para xustificar un maior control social por parte da oligarquía. E a nivel planetario. Non hai que ser apocalípticos xa que non sabemos que vai pasar nin en que medida as tendencias se van materializar, pero o mundo non vai ser o mesmo. Existe un perigo real de que se impoña un fascismo sen uniforme e sen parafernalias militares, un fascismo de traxe e garavata. E dito de pasada: coidado cos uniformes, que tamén se lles está dando barra libre. A dereita está escorando cara a posicións extremas: na Galiza aínda non percibimos o perigo real, mais o mundo inclínase cara a posturas autoritarias porque o medo fai que os seus discursos logren calar na poboación. O medo, e non a violencia, é a gran ferramenta empregada na actualidade para oprimir as clases traballadoras. 

Se queres ler a entrevista na íntegra podes facelo no Nós Diario que podes adquirir aquí.