Francisco Iglesias, patrón maior da Confraría do Grove: “Non quería ser unha comparsa a bendicir que as cousas se fixeran ben”

Francisco J. Iglesias
Patrón Maior da Confraría de pescadores do Grove cando a catástrofe, e aínda hoxe, foi dos primeiros en ver como a marea negra do Prestige podía entrar na ría e participou na limpeza desde o primeiro momento. Protestou cunha folga de fame contra a “pasividade” dos gobernos de Galiza e Estado español. Dez anos despois lembra con rabia aqueles días.

 

Como lembra aqueles días despois do afundimento do Prestige?

Con bastante rabia. Nós estabamos vendo o que pasaría. Días antes fóramos a gravar en vídeo por onde estaban as manchas a Ría de Arousa e ver ás autoridades que non facían nada e dicían que “eramos uns alarmistas”, que estabamos poñendo a xente nerviosa sen ningunha razón... Unha vez que chegou o chapapote cambiou a cousa e houbo que poñerse a traballar.

Foi un momento moi duro?

Para min si. Tanto para a economía como para o medio ambiente como para o sector produtivo que pode desaparecer e que eles non se preocupaban... a min indignábame esa situación. Despois cando apareceron as manchas perto da Ría tivemos que improvisar case todo, cando se se fixera caso no seu momento estaríase preparado. Foi o caso de onde botar o chapapote. Chegabamos a porto cos barcos cheos de fuel e non había onde poñelo, había que agardar medio día.

Lembro que Mariano Rajoy pasara as súas vacacións aqueles días nun hotel do Grove e varios voluntarios foron a protestar e a súa resposta foi queixarse por non deixalo descansar...

Que papel xogaron as confraría eses días?

Xogaron distintos papeis. Había algunhas que aparentaban que a administración “facía o que podía” e as decisións tomadas eran as menos malas. Outras, como na que eu estaba, eramos máis críticas coa xestión. Desde o primeiro momento comentóuselles o que se precisaba, ter os portos preparados,... mais non se fixo caso. En vez de mirar polos intereses de verdade semella que estean para non alterar os da administración.

Mariano Rajoy, daquela ministro de Aznar, convocara unha reunión coas confrarías galegas...

Eu preferín ir á manifestación de Nunca Máis. Naquel momento xa non me pareceu que Rajoy fora a solucionar moitas cousas. Era tempo de protestar pola maneira en que nos trataran en Madrid. Non quería ser unha comparsa a bendicir que as cousas se fixeran ben.

Que significou para vostede o movemento Nunca Máis?

Foi unha resposta que, por fortuna, de cando en vez se dá. Foi recoñecida a nivel internacional polo número de persoas que se sumaron. Houbo unha ausencia tan grande da administración do Estado, da administración da Xunta, estaban tan desaparecidos que a xente botou man de todo. Lembro no Grove que houbo quen organizou as cuadrillas, mesmo do propio exército. Cando me chamou a administración, daquela Corina Porro, foi en febreiro... díxenlles que chegaban un pouco tarde. Estaban todos de caza ou de vacacións. Eran datas sinalas, co Nadal, mais a xente deixou todo para traballar. Lembro que Mariano Rajoy pasara as súas vacacións aqueles días nun hotel do Grove e varios voluntarios foron a protestar e a súa resposta foi queixarse por non deixalo descansar...

Dez anos despois podemos dicir que o mar está recuperado?

É moi arriscada esa afirmación. Din os técnicos que é preciso que pasen entre vinte e trinta anos. Na nosa Ría o impacto foi menor posto que evitamos que o 90% da marea chegara a terra. Non había unha monitorización de como estaba a situación antes polo que non hai con que comparar.

Imaxe: Iago Gómez